O Plan Revitaliza estrea web para achegar a compostaxe á cidadanía ‘vía dixital'

O vicepresidente Mosquera asegura que a final de ano unhas 85.000 persoas na provincia compostarán o seu lixo orgánico en composteiros comunitarios e individuais


27 setembro 2018
Presentación web Revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación vén de estrear unha nova páxina web para achegar a compostaxe á cidadanía por ‘vía dixital'. Segundo explica o vicepresidente Mosquera, a nova páxina web pretende completar o traballo que están a facer tanto o persoal técnico provincial, mestras e mestres composteiros, como asociacións nos concellos adheridos, facilitando información, vídeos e documentación sobre que é a compostaxe, as súas vantaxes, ou a maneira de participar para a cidadanía, entre outras cuestións.

O vicepresidente Mosquera destacou que entre finais deste ano e principios do 2019, unha vez se despleguen os composteiros comunitarios e individuais da Deputación e dos concellos Revitaliza (Vilaboa, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra) a cifra de veciñas e veciños que compostan na provincia ascenderá a 85.000 persoas: 25.000 por vía individual e 60.000 en composteiros comunitarios. "Estamos a falar dun volume alto de persoas que demandan información completa e actualizada e, a pesar de que hai persoal técnico que divulga a compostaxe de xeito directo, era necesario e inevitable polos tempos nos que estamos dar información actualizada, precisa, de calidade e simple a través dunha plataforma dixital, cunha páxina web", destacou.

A nova web terá dous posibles accesos directos www.revitaliza.depo.gal e www.revitaliza.gal, ademais de estar enlazada coa páxina web oficial da Deputación www.depo.gal. Está realizada nunha plataforma de última xeración (Liferay) que permite manexar moita documentación estruturada en bloques nun sistema novidoso de acordeón que facilita a comprensión da información polas persoas usuarias.

Entre o contido, as persoas que entren na páxina poderán saber máis sobre compostaxe (que é e as súas vantaxes, os materiais a compostar, que é o estruturante, as fases, problemas e solucións e outras experiencias como a avicompostaxe e a vermicompostaxe); sobre o compost (que é, as propiedades, os usos, e a calidade do compost obtido no Plan Revitaliza); sobre o persoal técnico, as mestras e mestres composteiros, a Facultade da compostaxe, así como sobre as convocatorias para ser bolseiro, interino ou obter unha praza nos concellos Revitaliza); sobre o programa de compostaxe individual e como se debe facer para compostar na casa (con videoguías); e sobre a compostaxe comunitaria, cun mapa coa situación de todos os centros de compostaxe comunitaria da provincia e unha videoguía.

Tamén hai información dispoñible sobre os concellos Revitaliza, cun mapa, sobre as fases de implantación do plan, así como das diferentes liñas de subvencións abertas. A isto súmase un apartado específico sobre o Revitaliza nos centros de ensino, con documentación do traballo do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) nos últimos dous cursos.

Por outra parte hai un apartado de noticias, onde se irán colgando as novidades informativas; unha axenda na que se dá conta das actividades, charlas formativas e repartos de compost ou de composteiros; así como banners nos que periodicamente se irán destacando aspectos salientables do Plan. Por último, e estruturados a modo de acordeón, dispóñense apartados para descargar documentos e audiovisuais, especiais de prensa, respostas a preguntas frecuentes, enlaces á lexislación vixente, convenios asinados para levar adiante o plan e un apartado de contacto que permitirá interacción co persoal técnico para que a cidadanía poida resolver calquera dúbida. A páxina dispón tamén dun apartado privado

"Esta web é moi interesante no seu contexto, agora que o Plan Revitaliza vai vento en popa. Xa pasamos de largo a fase demostrativa do plan e en breve a compostaxe será o sistema maioritario na provincial. A final de ano chegaremos ao 10 % da poboación e o obxectivo de chegar ao 50 % da provincia no 2020 poderase cumprir. Hai moitísima actividade e a páxina é un instrumento de comunicación que permitirá unha maior divulgación de xeito totalmente actualizado", insistiu Mosquera.

A maiores da estrea da web revitaliza.gal o plan de compostaxe tamén leva despregado durante este mes de setembro unha campaña explicativa en redes sociais na que se están a difundir pequenos vídeos en forma de ‘pílulas' nas que brevemente e de maneira simple unha mestra e un mestre composteiro dan as claves da compostaxe comunitaria e invididual. As publicacións e chíos están a acadar milleiros de visitas e impactos tanto en Facebook como en Twitter, xerando unha moi boa interacción coas persoas usuarias. A campaña continuará ata final de ano e poderase consultar de xeito permanente na canle de Youtube da Deputación e na playlist que está a disposición na nova páxina web, onde tamén están a disposición outros vídeos, como o proxectado na rolda de prensa, no que unha parella cun ático en pleno centro de Pontevedra explica o funcionamento do composteiro que teñen na terraza.

Exame do persoal para os concellos

O vicepresidente Mosquera quixo tamén destacar que no día de onte se celebrou o primeiro exame do concurso-oposición para a selección de persoal destinado aos concellos Revitaliza. Só 26 persoas pasaron o corte para poder facer a seguinte proba, consistente nunha entrevista persoal. A fase de concurso contará un 70 % da puntuación final e o restante 30 % virá dado polos méritos e currículo das persoas candidatas.

Os postos ofertados de mestras e mestres composteiros (MECOS) constituirán unha categoría de empregados nivel C1 dentro da relación de postos de traballo dos concellos solicitantes e desenvolverán as tarefas de revisión e control dos centros de compostaxe comunitarios (CCC) distribuídos na provincia.

Dentro dos labores de revisión e control estarán a inspección do módulo de achega dos composteiros, levando a cabo as intervencións precisas para adecuar correctamente o equilibrio entre a materia orgánica e o material vexetal (estruturante); o control da temperatura e humidade dos módulos; o transvase do material en proceso aos módulos seguintes; o cribado e reparto do compost elaborado entre as e os participantes de cada centro, a toma de datos para o control da trazabilidade do proceso e documentación fotográfica da evolución do material nas diferentes fases.

Os MECOS tamén realizarán labores de comunicación e formación da cidadanía interesada en participar; resolución das posibles dúbidas; formación das e dos empregados e voluntarios do concello que, co tempo, levarán as labores de achega e remexido do módulo de achega; e estudos relativos á clasificación e caracterización dos residuos xerados no concello e conducentes á optimización das rutas de recollidas destes, entre outras tarefas.

A cobertura dos postos de traballo en cada concello efectuarase segundo a orde de puntuación acadada nas probas, que determinará a bolsa de emprego. Unha vez concluídos os procesos selectivos as e os aprobados de maior nota serán nomeados funcionarios interinos polas alcaldesas e alcaldes. As restantes candidatas e candidatos, pola orde da puntuación obtida, poderán ser chamados se concorren renuncias ás prazas, pasando a formar parte dunha lista de reserva.