O Plan Revitaliza esténdese xa a 42 concellos da provincia tras a última convocatoria de adhesión

Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces súmanse ao modelo provincial para instalar os seus primeiros composteiros


05 decembro 2018
César Mosquera

O Plan Revitaliza da Deputación acaba de sumar seis novas incorporacións e conta xa con 42 concellos adheridos para aplicar a compostaxe de proximidade como modelo de xestión do lixo na provincia. Segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera, na última convocatoria de adhesión e de solicitudes de subvencións –que pechou esta semana-  sumáronse Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces para instalar os seus primeiros composteiros e trece concellos solicitaron axudas provinciais por máis de tres millóns de euros para "dar un salto adiante" e consolidar a compostaxe de forma global.

O vicepresidente Mosquera subliñou que as novas incorporacións ao plan supoñen que o 69% dos municipios da provincia apostan pola compostaxe (ver listaxe anexa). Destacou que son concellos de todo signo político, de moi diferentes tamaños, da costa e do interior e de moi diferentes características, polo que agradeceu que "a pesares das opinións dalgunhas forzas políticas, sobre todo na Deputación, entenderan que o camiño da compostaxe é imparábel e imprescincíbel por cuestións ambientais, de sensibilización social, e por normativa".

A incorporación destes municipios ao Revitaliza suporá que entrarán na denominada ‘Liña 1' e que a Deputación asesorará e subvencionará a instalación de composteiros comunitarios e individuais con medios provinciais co fin de iniciar unha primeira fase preparatoria ou didáctica para a cidadanía.

Por outra banda, foron trece os concellos xa adheridos –e que están a traballar na compostaxe na actualidade- que pediron axudas económicas para despregar medios e consolidar o modelo: os cinco concellos avanzados do Revitaliza (Vilaboa, O Grove, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario); sete que estaban adheridos (Illa de Arousa, Bueu, Cangas, Moaña, Ponteareas, Tomiño e Valga); e o concello de Poio, que se incorpora ao Revitaliza nesta última convocatoria e pretende dar o salto á compostaxe de forma acelerada.

Tres millóns de euros

Segundo indicou Mosquera, a Deputación ten aprobada unha liña de axudas de 2.000.000 de euros para dar cobertura ás peticións. Sen embargo, as demandas dos concellos suman máis de tres millóns de euros, polo que subliñou que haberá que estudiar a situación e "intentar acoller o mellor posible" as necesidades de cada municipio. Non desbotou a posibilidade de incrementar a contía final das subvencións dado que os proxectos presentados "parecen estar moi ben".

Mosquera manifestouse satisfeito pola boa acollida da última convocatoria de adhesión e subvencións e destacou que a lóxica apunta a que será necesario no futuro dar outra nova oportunidade aos concellos que aínda non se decidiron por dar o paso pola compostaxe. En calquera caso, subliñou que a Deputación terá que facer un esforzo grande para poder atender as necesidades, xa que en termos de poboación pasar de cinco a trece concellos na fase máis avanzada do Revitaliza (Liña 2) suporá multiplicar por catro o número de habitantes actuais.

"Sabemos que haberá tensións, pero temos xente moi comprometida e se en lugar de despregar a compostaxe en todos eses concellos en oito meses se fai nun ano… pois faise en máis tempo. Agardamos non morrer de éxito", destacou, para engadir que a provincia de Pontevedra se convertirá na "avanzadilla da compostaxe e do tratamento de biorresiduos", xa que será das poucas que poderá cumprir a normativa da Unión Europea e do Estado.

Pasividade doutras administracións

César Mosquera subliñou que é inevitable que todos os concellos traballen cara un tratamento ambientalmente sostible dos residuos municipais, xa que a lexislación actual establece que o 31 de decembro de 2020 os municipios de máis de 5.000 habitantes terán que recoller e tratar o 100% dos residuos de forma separada, se ben os demais terán ata 2023.

"Non entendo a pasividade doutras administracións", dixo o vicepresidente, "porque van empezar a caer sancións aos concellos e agora a Xunta, por exemplo, deixa nas mans das empresas e dos concellos a solución". En cifras, destacou que hoxendía estanse a cumprir os obxectivos marcados para 2015 e "se hai que estar preparados para 2020 hai que ir a fume de carozo. Como se complique algo, os concellos non chegan".

 

Concellos adheridos ao Plan Revitaliza