O Morrazo, en lista de agarda para compostar

A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra pechou a semana con máis dun cento de solicitudes de composteiros individuais e de participación nos comunitarios


25 outubro 2019
Moaña Revitaliza

As xornadas informativas do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra foron todo un éxito esta semana na comarca do Morrazo. Foron moitas as veciñas e veciños que se achegaron a recibir información e máis dun cento os que solicitaron ter un composteiro individual para a súa casa e tamén participar nos centros de compostaxe comunitarios. De feito, superáronse as expectativas e adxudicáronse todos os composteiros individuais que a institución provincial concedeu aos concellos na última fase, e foi preciso crear unha lista de agarda que supera xa os 60 fogares.

A primeira xornada informativa no Morrazo foi o pasado luns en Bueu, nas inmediacións da praza de Abastos. Alí conseguíronse preto de 60 compromisos de veciñanza para participar no Plan de compostaxe, tanto individualmente como nos centros comunitarios. O mércores a quenda foi de Moaña, no mercadiño, onde foron 32 as persoas que solicitaron os medios para compostar; e finalmente Cangas, na xornada de onte, conseguiu 17 adscricións, unha cifra menor debido a que pola chuvia non se puido instalar a carpa na praza do Reló tal e como estaba previsto, senón que se instalou no interior das dependencias da casa do concello.

O persoal técnico do Revitaliza ten en marcha a campaña informativa sobre compostaxe para explicar todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado produción de compost. Destacan que é preciso para cumprir os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Unha das súas intencións é facer ver que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía, porque a Unión Europea esixirá reciclar o 50 % de todo o lixo en 2020 e compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de forma obrigatoria.

As persoas que se achegan á carpa informativa ademais das explicacións das e dos profesionais, reciben material divulgativo para reforzar o seu coñecemento. Aquelas que o desexen tamén poden poñerse a proba, participar nos xogos de preguntas e respostas, e recibir unha e algún outro agasallo. Unha das cuestións máis destacadas polo persoal Revitaliza, de feito, é que durante todas as xornadas foron moitas as e os morracenses que, xa tendo o seu composteiro, se achegaron para comentar o ben que funciona ou algún ‘truco' para facer compost de mellor calidade, así como tamén para aclarar pequenas dúbidas.