O Congreso Escolar de Compostaxe do Revitaliza amplía fronteiras e recibe experiencias doutras provincias galegas

O vindeiro martes 21 o Pazo da Cultura alumnas e alumnos de centros de ensino de Ponte Caldelas, Gondomar, Ourense e A Coruña exporán os seus traballos para promocionar a compostaxe de residuos orgánicos


17 maio 2019
Congreso Escolar de Compostaxe do Revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vai celebrar o vindeiro martes 21 o seu terceiro Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de ensino da provincia de Pontevedra. Esta nova edición chega cunha novidade: a ampliación de fronteiras para expoñer o traballo en compostaxe e redución de residuos de colexios e institutos locais xunto cos doutros centros doutras provincias galegas.

Este congreso escolar sobre compostaxe servirá para poñer en común o traballo feito ao longo do curso, facer avaliación e comprobar os resultados do proxecto do alumnado. De feito, o  programa educativo de Revitaliza, organizado pola Deputación de Pontevedra co deseño e supervisión do CEIDA, percorre numerosos centros de ensino da provincia, dando a coñecer pautas para a prevención e manexo dos residuos urbanos en xeral, e da compostaxe da fracción orgánica en particular.

Un dos aspectos máis importantes do programa educativo é a visión protagonista do alumnado, que ten a súa máxima expresión neste congreso, que se convocou na primeira parte do curso lectivo para ir desenvolvendo actividades. Os centros escollidos realizaron o seu proxecto no centro ao longo do curso e agora, chegado o mes de maio, a exposición dos resultados correrá da voz dos seus protagonistas: as e os estudantes.

A cita escolar para promover a compostaxe será o martes 21 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, e os centros que farán presentacións serán o CEIP A Reigosa de Ponte Caldelas, expoñendo o seu programa ‘Compositivamente', e o IES Terra de Turonio de Gondomar, que traballou na promoción da composteira comunitaria do municipio. De Ourense chegará o alumnado do Colexio Divina Pastora e de A Coruña o CEIP Ría do Burgo, no municipio de Culleredo.

Durante a xornada haberá unha representación teatral que, creada inicialmente para o congreso de compostaxe de 2018, medrou e chegou a ter carácter de obra propia e que está a percorrer os teatros galegos: ‘Cartoóns'. Josito Porto e Víctor Mosqueira serán os encargados de dar vida aos protagonistas desta peza, nun proxecto no que se aborda a concienciación social sobre a necesidade de coidar o planeta e a solidariedade coas persoas que viven nas rúas.