O alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Carril pon en marcha o seu propio composteiro

Máis de 300 escolares finalizaron hoxe os obradoiros organizados pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza


21 xaneiro 2019
Composteiro do CEIP Rosalía de Castro de Carril

Os máis de 300 escolares de entre primeiro e sexto cursos de primaria do CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía pecharon hoxe a súa participación nas charlas, xogos e obradoiros sobre compostaxe que a Deputación está a desenvolver no centro educativo ao abeiro do Plan Revitaliza. O alumnado participou na posta en marcha do seu propio composteiro no patio do centro escolar –actividade prevista para o pasado venres pero que foi necesario adiar pola chuvia- seguindo todos os pasos ao igual que se tratase do composteiro individual dunha casa con horta.

Deste xeito, o persoal responsable do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) explicou que para obter un bo compost é preciso mesturar variedade de materiais orgánicos: frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos (pólas, follas secas…) que funcionan como estruturante.

As e os rapaces aprenderon que en primeiro lugar é preciso poñer unha base ou cama de material de tipo leñoso e seco duns 20 centímetros de alto no fondo do composteiro para facilitar a aireación e a entrada de microorganismos. A continuación foron introducindo os restos de comidas e vexetais en función das necesidades, sabendo que cada vez que se achega material fresco débese engadir tamén a mesma cantidade de material seco para manter a humidade e permitir a circulación de aire no composteiro. Tamén aprenderon que é preciso remexer o material e comprobar a súa temperatura.

A realización de actividades e a posta en marcha de composteiros nos centros de ensino da provincia está enmarcada no proxecto que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver da man do CEIDA ao abeiro do Plan Revitaliza co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais. No concello de Vilagarcía a Deputación ten xa instalados varios centros de compostaxe comunitaria e hai en previsión instalar outros novos, para o que se están a realizar charlas informativas coa veciñanza.