Novo persoal composteiro para atender os centros de compostaxe comunitaria a partir do día 15

A institución provincial, ao abeiro do Plan Revitaliza, pagará cunha subvención o seu salario íntegro este ano e unha parte nos dous seguintes


05 maio 2020
Selección de mestras e mestres composteiros

A Deputación contratará novas mestras e mestres composteiros para atender os centros de compostaxe comunitaria a partires do vindeiro día 15 de maio. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, este persoal pasará a ser laboral interino nos concellos de destino, se ben será a propia institución provincial a que, por medio dunha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza, financiará o salario íntegro dos oito meses que quedan este ano e unha parte deste nos dous exercicios seguintes (o 50 % no 2021 e o 30 % no 2022).

O novo persoal sumarase ao persoal técnico da institución provincial e ás outras mestras e mestres composteiros que xa estaban incorporados nos municipios adheridos ao plan grazas á anterior liña de axudas da Deputación. Nos primeiros días a previsión é que as mestras e mestres (MECOS) realicen tarefas de "achegamento" para despois realizar un labor moito máis exhaustivo de control in situ, así como de seguimento dos composteiros individuais e de promoción da compostaxe en xeral.

Dado que o tratamento de lixo está considerado un servizo esencial, nestes momentos de crise sanitaria están activos todos os centros de compostaxe da provincia dependentes do Revitaliza. Estes son atendidos por un servizo básico de mestras e mestres composteiros da Deputación que realiza os labores de control do proceso e de mantemento das garantías sanitarias. Durante as semanas do estado de alarma o equipo do Revitaliza constatou un aumento moi significativo das achegas de residuos orgánicos nos composteiros. De feito, o nivel de enchedura duplicouse como media e case se cuadriplicou nalgúns centros de compostaxe comunitaria.

Segundo lembrou o deputado responsable do Revitaliza, Uxío Benítez, para a concesión das subvencións da Deputación aos concellos tivéronse en conta diferentes parámetros: principalmente, a experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) coma a través de composteiros individuais de exterior (COIN), ademais da realización doutras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións. Tamén se valorou a posibilidade de que os concellos poidan acadar o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais por medio de composteiros.

No día de hoxe tivo lugar a selección de destino das mestras e mestres baixo a supervisión do deputado, do asesor Carlos Pérez e doutro persoal técnico provincial. Os MECOS irán a varios concellos: Mondariz (1), As Neves (1) e Ponteareas (1) na zona do Condado; Bueu (1), Cangas (1), Vilaboa (2) e a Mancomunidade (1) no Morrazo; A Guarda (1) e Tui (1) no Baixo Miño; Gondomar (1) no Val Miñor e Poio (1) e Ponte Caldelas (1) na comarca de Pontevedra. Finalmente, aínda que non estaba previsto, foi preciso seleccionar outra persoa máis para cubrir a baixa do mestre composteiro do Concello de Ponteareas, concedido na anterior subvención da Deputación.

Hai que lembrar que na primeira axuda á contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial puxéronse en marcha trece postos técnicos para os concellos de Tomiño (2), Soutomaior, Moaña, O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Baiona, Mondariz, Sanxenxo, Ponteareas, As Neves e O Rosal. Todos eles seguen a estar sufragados economicamente en parte pola Deputación.