Novo éxito da carpa Revitaliza na súa visita a Cangas

O carpa informativa da Deputación de Pontevedra recolleu outras 34 solicitudes de composteiros individuais e repartiu outros 60 quilos de compost


03 setembro 2020
Carpa Revitaliza

O paso da carpa do Revitaliza polo Morrazo rematou hoxe en Cangas na praza do Concello cun novo éxito de público. O persoal técnico do Revitaliza da Deputación de Pontevedra atendeu a centos de veciñas e veciños interesados en compostar o seu lixo orgánico, recolleu 34 solicitudes para ter un composteiro individual (COIN) e repartiu outros 60 quilos de compost, como xa fixera onte en Bueu. Deste xeito, as cifras destes tres últimos días na comarca suman arredor de 600 persoas informadas, 79 solicitudes de COIN e uns 150 quilos de compost repartidos.

Nestes momentos a comarca do Morrazo está a dar un pulo na súa participación dentro do Plan Revitaliza da Deputación. Tralas solicitudes de COIN recibidas hoxe é preciso ampliar a lista de agarda que xa había para a veciñanza da zona, e tamén está en estudo a posibilidade de poñer en marcha unha planta de compostaxe comarcal a través da mancomunidade.

O persoal técnico do Revitaliza, con esta referencia, ten en marcha a campaña informativa sobre compostaxe para explicar todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na produción de compost. Destacan que é preciso para cumprir os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Unha das súas intencións é facer ver que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía, porque a Unión Europea esixirá reciclar o 50 % de todo o lixo en 2020 e compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de forma obrigatoria.

As persoas que se achegan á carpa informativa ademais das explicacións das e dos profesionais, reciben material divulgativo para reforzar o seu coñecemento. Aquelas que o desexen tamén poden poñerse a proba, participar nos xogos de preguntas e respostas, e recibir unha e algún outro agasallo. Unha das cuestión máis destacadas polo persoal Revitaliza, de feito, é que durante todas as xornadas foron moitos as e os morracenses que, xa tendo o seu composteiro, se achegaron para comentar o ben que funciona.