Nova repartición de compost en Salceda de Caselas

Estase estudando a posibilidade de abrir un quinto centro de compostaxe comunitaria na contorna do concello


17 setembro 2018

O parque Raíña Aragonta de Salceda de Caselas será mañá, martes 18 de setembro, o escenario dunha nova repartición de compost neste concello. A repartición realizarase nunha carpa que se instalará para este fin, e a veciñanza que o desexe poderá achegarse entre as 16:30 e as 19:30 horas, e todo o compost que se repartirá está producido nos catro centros de compostaxe comunitario que hai instalados no concello.

A cita tamén se aproveitará para seguir informando sobre a compostaxe coa intención de estudar a posta en funcionamento dun quinto centro de compostaxe comunitaria, atendendo aos bos resultados que están tendo os catro xa en funcionamento e á demanda que existe no centro da vila. Segundo vén observando o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación, os centros comunitarios de compostaxe estanse enchendo máis rápido do habitual, sobre todo o que se sitúa nas inmediacións do centro escolar, polo que consideran necesario poñer en marcha un novo nun lugar céntrico. En principio, podería estar situado na contorna do concello e dos negocios de hostalaría que hai a carón do mesmo.

Así, no recinto da festa dispuxéronse caixas para envases e plástico e caldeiros con filtros para a materia orgánica, con información nas mesas e no perímetro da carpa para que o público asistente colocase cada residuo onde correspondía. Esta información reforzouse con mensaxes por megafonía. Ademais, o concello dispuxo de persoal dedicado exclusivamente para limpar as mesas e axudar na correcta separación de residuos. O resultado desta experiencia foron 2.194 racións de callos vendidas e un total de 100 quilos de residuos orgánicos, que foron compostados en tres dos centros de compostaxe do concello nos días seguintes. Ademais de implicar ao público nesta iniciativa pioneira, tamén se colocou unha mesa informativa con información sobre a compostaxe, e nomeadamente sobre o Plan Revitaliza, e repartíronse 150 litros de compost en pequenas bolsas como mostra do resultado do proceso.