Lalín, último destino da carpa informativa sobre compostaxe do Plan Revitaliza

Deputación e Concello estudan localizacións para instalar dous novos centros de compostaxe comunitaria no municipio do Deza


11 decembro 2019
Plan Revitaliza

O Concello de Lalín foi onte o último destino da carpa informativa de compostaxe do Plan Revitaliza logo de percorrer toda a provincia. A cita rematou cun grande éxito, xa que foi moita a veciñanza do concello de Deza que se achegou ao posto para coñecer o modelo de xestión de lixo e que se apuntou para ter un composteiro individual no que poder compostar o lixo orgánico do seu fogar, aumentando a lista de agarda que xa existía previamente.

No posto informativo as mestras e mestres composteiros deron explicacións non só sobre os composteiros individuais para ter no fogar, senón tamén sobre como funcionan os centros de compostaxe comunitaria (CCC), xa que nestes momentos o concello dispón dun e hai previsión para instalar dous máis. De feito, o persoal técnico da Deputación e o Concello están a estudar novos emprazamentos para dar servizo a outras zonas do núcleo da vila, co fin de que en breve sexan máis os e as veciñas que poidan compostar.

O interese pola compostaxe no Concello de Lalín tense activado ultimamente, xa que ademais de querer ampliar o número de centros comunitarios tamén se está a implicar á comunidade escolar: o vindeiro martes o alumnado do CEIP Manuel Rivero de Lalín visitará o CCC que está en pleno funcionamento.

No caso da compostaxe individual, onte o persoal técnico recolleu os datos de máis veciños e veciñas interesados en dispor dun composteiro individual para compostar os biorresiduos nas casas con horta, aumentando a lista de agarda que xa existía. Hai que lembrar que a Deputación entregou unha primeira quenda de 80 composteiros individuais hai varios meses que están funcionando perfectamente. De feito, as primeiras visitas de seguimento xa se realizaron e todos os participantes cumpriron as indicacións dadas para o seu manexo, polo que o proceso de compostaxe nos recipientes está a desenvolverse de forma correcta e en breve poderá saír o primeiro lote de compost.

Na carpa informativa, as e os mestres composteiros resolveron as dúbidas da veciñanza, principalmente sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non. As persoas asistentes, ademais, puideron recoller diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…), e tamén plantas nas que comprobar o bo funcionamento do compost como fertilizante natural. O punto informativo do Revitaliza leva percorrendo a provincia xa varios meses espertando un grande interese entre toda a veciñanza, que tivo unha afluencia moi alta en todos os casos.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.