Joan Marc Simón: "o Revitaliza está ao nivel da superpolítica europea do Pacto Verde"

O director de Zero Waste afirma que o plan de compostaxe provincial indica o camiño a seguir a outros lugares e servirá de base para nova lexislación


20 setembro 2019
Director de Zero Wast e Plan Revitaliza

O director da axencia europea ‘Zero Waste Europe', Joan Marc Simón, asegurou hoxe en Pontevedra que o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra "está ao nivel da superpolítica europea do Pacto Verde", marca o camiño a seguir a outros lugares da unión no tratamento de residuos, e poderá servir de base para a vindeira normativa europea.

Simón, que estivo hoxe na cidade do Lérez para presentación da publicación monográfica que o organismo europeo lanzou sobre o Revitaliza, afirmou que o programa provincial supón un modelo de xestión descentralizada da materia orgánica contrastado e refrendado con resultados.  Indicou, así mesmo, que é destacable por abordar o tratamento de lixo dunha maneira integral, ao formar persoal técnico capacitado, facer un seguimento e control da compostaxe, e aplicar novas tecnoloxías -a app que permite facer un seguimento da calidade do compost e estado dos centros de compostaxe en tempo real-.

Destacou que iniciativas como o Revitaliza, ademais de ser moi beneficiosas para Pontevedra, proporcionan a posibilidade de visualizar que actuando así é posible cumprir a actual normativa de reciclaxe europea, e non só na provincia, senón noutros moitos lugares.

"Os obxectivos europeos de reciclaxe para 2020 son do 50% . O Estado español tería que cumprir e non cumprirá. Nós traballamos coa Comisión Europea para que exemplos como estes poidan aplicarse noutros países, é dicir, se Pontevedra está a facelo, por que non Hungría, Francia ou outros sitios con condicións similares de poboación ou orografía? Pode ser unha solución", afirmou.

O director de ZW subliñou que o Revitaliza é tamén un referente para o desenvolvemento de futuras políticas a nivel europeo e local. "Estas boas prácticas permiten crear un modelo que logo por lei poidamos replicar noutros sitios, porque é sempre máis fácil facer leis sobre cousas que xa existen que facer unha lei sobre algo que non saberiamos como funciona", dixo.

Puxo en valor o plan de compostaxe da Deputación asegurando que está ao mesmo nivel que superpolíticas europeas como a do Pacto Verde, aplicada pola vicepresidencia do ‘European Dream Deal', por basearse en facer un modelo de xestión de lixo  que crea ocupación local, xestiona os recursos localmente e en proximidade sen ter que gastar moito diñeiro e sen crear máis contaminación, facendo que a economía local funcione.

"Sendo hoxe o Día do Clima é importante facer o vínculo entre a xestión da orgánica e a crise climática na que vivimos. Na axenda europea de economía circular e descarbonización casos como o Revitaliza indican un camiño a seguir", insistiu.

O plan de Zero Waste co Revitaliza a partir de agora é traballar dentro da Comisión Europea, e presentalo no Parlamento Europeo e na Comisión de Medio Ambiente para que outros deputados europeos poidan coñecelo. "Animamos a que continúe, se expanda todo o posible e siga o impacto que está a ter, que é espectacular", finalizou Simón. 

Zero Waste ten publicado varias publicacións monográficas sobre boas prácticas ambientais en toda Europa, mais a do Revitaliza (a número 13) é a única sobre xestión descentralizada da fracción orgánica. Tamén se consideraron casos de estudo o do municipio catalán de Argentona (Cataluña) polo seu sistema de recollida porta a porta con pago por xeración, e a historia de Guipúscoa.

"Un espaldarazo"

O vicepresidente César Mosquera manifestouse moi satisfeito do recoñecemento do Revitaliza por parte da axencia europea. Lembrou que a publicación monográfica lanzada hoxe é o resultado de que tanto no 2017 como no 2018 o Revitaliza foi elixido experiencia relevante

"Cando comezamos esta aventura hai catro anos nunca pensamos que teriamos a relevancia que está a alcanzar e ser nestes momentos ser un proxecto pioneiro que se está a poñer como exemplo en toda a Unión Europea. Estabamos nunha situación atrasada con respecto a outros lugares de Europa e só tiñabamos unha ventaxa: tiñamos exemplos do que había e non había que facer, intentamos aprender e ver as vías que non tiñan éxito e creaban resistencia aproveitando partes boas", explicou.

Ante o camiño percorrido, o nacionalista indicou que finalmente o plan de compostaxe provincial estase a demostrar como "un exitazo", polo que agradeceu o esforzo, dedicación e empuxe ao persoal técnico e aos concellos adheridos (43).

En canto ao recoñecemento de Zero Waste e á publicación do monográfico insistiu en que "é un espaldarazo para seguir se cabe con maior velocidade e impulso para completar o proxecto". "O que se avanzou en catro anos foi espectacular, sempre se pode ir máis rápido, pero hai que ter coidado, porque a potencia sen control non serve de nada", finalizou.

Nestes momentos están adheridos ao Plan Revitaliza da Deputación, en diferentes fases de desenvolvemento, os seguintes concellos: Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Covelo, A Guarda, Gondomar, O Grove, Illa de Arousa, Lalín, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Sanxenxo, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, e Vilagarcía de Arousa.

Monográfico Zero Waste sobre o Revitaliza (pdf)

Vídeos