O Revitaliza e a Fundación Vicente Ferrer expoñen as súas experiencias sobre a xestión de residuos en Galicia e na India aos concellos de toda Galiza

O vindeiro martes 18 de outubro celebrarase unha mesa de traballo para intercambiar ‘know how' coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación


10 outubro 2022
INDIA GALIZA MESA DE EXPERIENCIAS

O Plan Revitaliza da Deputación e a Fundación Vicente Ferrer, da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrarán o vindeiro martes 18 de outubro unha mesa de experiencias na que exporán aos concellos galegos as súas iniciativas en materia de xestión de residuos desenvolvidas na provincia de Pontevedra e na India, baseadas fundamentalmente na compostaxe.

A xornada, que se desenvolverá no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra de 10 a 14 horas,  pretende ser un foro de transferencia de coñecemento no que os gobernos locais obteñan estratexias e ferramentas para o seu persoal técnico sobre como incorporar a sustentabilidade ambiental en proxectos de intervención comunitaria en contornas rurais. A participación é aberta –e de balde- para todas as persoas interesadas, mais para asistir é preciso inscribirse no enlace https://bit.ly/GaliciaIndia.

Abrirán a xornada a presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente e responsable do Plan Revitaliza César Mosquera, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Juan González, e a delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia María Moldes Suárez.

Dende o Plan Revitaliza, a xefa da sección de Residuos da Deputación, María Martínez Abraldes, falará da aposta pola xestión local do programa provincial, que fomenta o tratamento en kilómetro cero de todos os residuos orgánicos a través da compostaxe individual e comunitaria. Como complemento á explicación teórica a xornada realizarase unha visita a un dos centros de compostaxe comunitaria da cidade de Pontevedra.

Pola súa banda, dende a Fundación Vicente Ferrer, explicarase a iniciativa desenvolvida na India chamada ‘Maana Bhoomi' (que significa ‘a nosa terra' en telugu, lingua maioritaria do territorio onde traballa a fundación), que persegue a sensibilización e responsabilidade ambiental na sociedade. Este proxecto céntrase en catro áreas clave: a xestión de residuos, o estilo de vida sustentable, a xestión dos recursos hídricos e a eficiencia enérxética. Das catro, as dúas primeiras xa se desenvolveron no primeiro ano de vida da iniciativa, instalando varios centros de compostaxe nos campus e escolas da Fundación Vicente Ferrer na India, con numerosas actividades de concienciación para a poboación.

Presentarase, ademais, o proxecto ‘Acceso ao dereito a unha vivenda e saneamento para 34 familias rurais desfavorecidas no distrito de Kurnool (India)', financiado polo Fondo Galego de Cooperación, ao que se vincula a Mesa de Experiencias. Este proxecto iniciouse no Sur da India en abril de 2021 e concluíu en xuño de 2022, beneficiando directamente a 169 persoas e indirectamente a 395 familias da mesma aldea, en total a máis de 2.500 persoas.

Este proxecto, ademais de supor un avance nas condicións de vida da cidadanía, supuxo melloras na concienciación ambiental, e tamén, ao tratarse dunha iniciativa con enfoque de xénero, mudou o rol da muller na comunidade: todas as vivendas escrituráronse a nome das mulleres que pasaron a ser, por vez primeira na súa vida, propietarias, contribuíndo así ao seu empoderamento e protección.

PROGRAMA