Escolares do Colexio Sagrada Familia-Filipenses de Vilagarcía de Arousa especialízanse en compostaxe cun microcomposteiro de aula

O Plan Revitaliza da Deputación realizou obradoiros e actividades no centro para ensinar á rapazada de maneira lúdica a necesidade de xestionar o lixo de maneira sustentable


20 febreiro 2020
Escolares do Colexio Sagrada Familia- Filipenses de Vilagarcía

Logo de que esta semana Vilagarcía de Arousa acollese a carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación, hoxe foi o momento de achegar a compostaxe á rapazada por medio de actividades e obradoiros lúdicos: persoal técnico do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) estivo no Colexio Sagrada Familia-Filipenses e traballou cun importante número de alumnas e alumnos.

A actividade que máis chamou a atención foi a de construír un composteiro pequeno que permitirá ao alumnado visualizar a descomposición da materia orgánica dos biorresiduos domésticos similar á que se produce durante a compostaxe por parte dos microorganismos do chan.

Unha vez construído o seu microcomposteiro as e os escolares poderán ver na aula como vai evolucionando o proceso de compostaxe nas vindeiras semanas: comprobarán e controlarán a temperatura, o volume e peso da materia achegado, as variacións de aspecto e cor da materia, así como o cheiro típico a bosque (se se fai correctamente). Ademais, ao ter instalado tamén recentemente un composteiro individual no centro de ensino, as e os rapaces poderán extrapolar os datos obtidos nun e noutro.

Este obradoiro titulado Microcompostaxe na Aula é unha das novas actividades incluídas neste curso 2019-2020 dentro do programa sobre compostaxe organizado pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza e está destinado ao ciclo superior de Primaria, ESO, ciclos formativos e Bacharelato.

Para o alumnado máis novo (de 1.º a 4.º de Primaria) están deseñadas outras actividades como o xa coñecido Xogo da Miñoca (similar á tradicional OCA para contestar preguntas e avanzar no taboleiro), e tamén un variado de entre todas as novas incorporacións de xogos para este curso (dominó de compostaxe, a proba dos residuos do tesouro, o crebacabezas dos bichocos, o composteiro máxico, o Pictionary da Terra Máxica e o labirinto dos sentidos dos bichocos).

Todas estas actividades lúdicas están supervisadas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), co que a Deputación ten asinado un convenio para dar a coñecer a compostaxe ás e aos máis pequenos co fin de que se conciencien da importancia de xestionar os residuos dunha maneira sustentable.