Escolares do colexio Compañía de María de Cangas coñecen a "vida interior" dos composteiros grazas ao Plan Revitaliza da Deputación

As rapazas e rapaces do centro aprenderon como funcionan os centros de compostaxe e o tipo de lixo que se pode achegar


21 febreiro 2020
Escolares aprendendo do Revitaliza

O alumnado de 5.º de primaria do colexio Compañía de María de Cangas participaron no obradoiro Quen Vive Aí?, unha actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza para coñecer máis a fondo o que é a compostaxe. As pequenas e os pequenos descubriron a "vida interior" dos composteiros identificando os invertebrados que se poden atopar nos centros de compostaxe e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos, os cales son parte fundamental do proceso para obter un bo compost.

Esta actividade de identificar os vermes realizouse analizando mostras de compost en varios estados de maduración que o persoal do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) achegou ata o centro. Alí, as nenas e nenos puideron estudar facilmente os distintos tipos de bichos coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os animais– e observándoos con material de aumento como lentes ou microscopios.

Ademais, toda a rapazada atendeu ás explicacións de como funcionan os centros de compostaxe e os composteiros individuais e que tipo de lixo é o que se pode depositar dentro: os restos de comida e vexetais. Tamén entenderon que o compost é un fertilizante natural que se produce despois dun proceso de maduración e que é fundamental mesturar os biorresiduos con estruturante (restos leñosos secos) para que teña todos os nutrientes necesarios para a terra.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto a comunidade docente como o alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Fotos