Escolares do CEIP Xunqueira 1 visitan os composteiros do campus universitario de Pontevedra

Alumnos e alumnas de 4º de Primaria coñeceron como o lixo orgánico se convirte en compost grazas aos mestres composteiros do Plan Revitaliza


14 marzo 2019
CEIP A Xunqueira 1

Escolares de 4º de Primaria do CEIP Xunqueira 1 de Pontevedra visitaron na mañá de hoxe un dos centros de compostaxe instalado do campus universitario de Pontevedra para aprender como o lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) se convirten en compost. Os rapaces e rapazas atenderon ás explicacións do persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación e do Concello de Pontevedra, que falaron de todo o proceso da compostaxe: dende a separación do lixo na cociña, a como se fan as achegas ao composteiro e se tapan co estruturante, pasando polo traballo das mestras e mestres composteiras que controlan que non haxa ningún problema.

A rapazada do CEIP Xunqueira 1 estase a converter en experta en compostaxe posto que nos últimos meses está a realizar obradoiros e xogos no seu centro educativo co fin de familiarizarse con este modelo de xestión de residuos. Unha das últimas actividades que realizou o alumnado foi un obradoiro denominado ‘Quen vive aí?', onde nenos e nenas coñeceron a microfauna que habita nos composteiros e que participa na descomposición dos restos orgánicos do lixo para facer un bo compost. Naquelas xornadas as alumnas e alumnos chegaron a pedir á súa mestra que deixase adoptar como mascotas da clase a algunhas das lombrigas que puideron observar baixo lentes de aumento. No día de hoxe, novamente, foron moitas as rapazas e rapaces que volveron coller estes pequenos bechos nas súas mans.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades nos centros escolares da provincia da man do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.