Escolares do CEIP Seara de Moaña visitan un composteiro do Plan Revitaliza

Alumnas e alumnos de 1º e 2º de primaria atenderon ás explicacións das mestras composteiras, axudaron a cribar o compost e levaron unha mostra para a casa


25 marzo 2019
Escolares do CEIP Seara de Moaña

Escolares de 1º e 2º de primaria do CEIP Seara de Moaña visitaron na mañá de hoxe un dos centros de compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación instalados no municipio. As rapazas e rapaces aprenderon moito sobre como o lixo orgánico se converte en compost grazas ás explicacións do persoal técnico do Revitaliza, que falou de como é preciso separar o lixo na cociña, como se fan as achegas ao composteiro e se tapan co estruturante, e de cal é o traballo das mestras e mestres composteiros: controlar que non haxa ningún problema.

Toda a rapazada estivo moi activa e, ademais, participou na criba do compost, é dicir, na separación dos anacos máis grosos da emenda para utilizala en macetas de pequenas dimensións. Xa cribado o compost todas as nenas e nenos recibiron unha bolsa cunha pequena cantidade para levar para a casa. Unha vez máis, as protagonistas da xornada foron as miñocas, xa que ao inspeccionar as mostras de compost había quen ficaba preocupada porque non lle tocara un dos vermes na súa bolsa.

A rapazada do CEIP Seara, ao igual que moitos centros de ensino na provincia, estase a converter en experta en compostaxe grazas ás charlas, obradoiros e xogos no seu centro educativo co fin de familiarizarse con este modelo de xestión de residuos. A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades nos centros escolares da provincia da man do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) cuxo obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.