Escolares do CEIP San Bieito de Lérez ‘gradúanse' en compostaxe

Pequenas e pequenos de infantil e primaria realizaron hoxe varios obradoiros e coñeceron o funcionamento do composteiro que teñen no centro


23 xaneiro 2019
CEIP San Bieito de Lérez compostaxe

Escolares do CEIP San Bieito de Lérez en Pontevedra realizaron hoxe varios obradoiros para saber máis de compostaxe grazas ás actividades programadas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza. Persoal técnico do CEIDA estivo cunhas 70 rapazas e rapaces de infantil e primaria realizando unha charla informativa, explicando como se fai a compostaxe no composteiro do centro escolar, e tamén desenvolvendo un obradoiro titulado ‘Quen vive aí?' no que as e os pequenos coñeceron os invertebrados que axudan a que se faga o compost.

Esta actividade de identificar os vermes –a que máis chamou a atención do alumnado- realizouse analizando mostras de compost en diferentes estados de maduración. Nenas e nenos puideron estudar facilmente os tipos de bichos que axudan a descompoñer a materia orgánica do lixo coa axuda de capturadores de fauna –eles mesmos colleron os animais-, e observáronos con material de aumento e chaves dicotómicas.

Na visita ao composteiro do centro, que xa leva en marcha desde hai máis dun ano, as e os rapaces coñeceron o seu funcionamento e fixeron preguntas sobre o que se debe e non se debe botar no seu interior. Aprenderon que para obter un bo compost é preciso mesturar variedade de materiais orgánicos: frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos (pólas, follas secas…) que funcionan como estruturante. Tamén aprenderon que é preciso remexer o material e comprobar a súa temperatura.

A intención do equipo docente do CEIP e do alumnado é utilizar o compost na horta escolar que hai no patio do colexio. O persoal do CEIDA que realiza os obradoiros, unha vez comprobado como estaba funcionando o composteiro, felicitou a todos os participantes no programa pola boa calidade do fertilizante producido ata o de agora e animou a seguir traballando da mesma maneira.

O CEIP de Lérez xa participou o pasado ano nos obradoiros organizados pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza con xornadas de formación para o profesorado, con charlas informativas destinadas a diferentes cursos e tamén con xogos. De feito, é de salientar a implicación na aprendizaxe sobre como compostar.

A intención da Deputación implicando á comunidade educativa na compostaxe é acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais, e fomentar o uso dos composteiros, xa que as e os escolares funcionan como ‘altofalante' deste modelo de xestión do lixo nas súas casas.