Completada a primeira rolda de reparto de composteiros individuais do Plan Revitaliza nas parroquias de Vilaboa

A mediados de agosto realizarase un novo reparto e charla informativa no lugar de Paredes


31 xullo 2018
O reparto de composteiros individuais ao abeiro do Plan Revitaliza entre a veciñanza das cinco parroquias de Vilaboa vén de completar a primeira rolda. O reparto, que ademais inclúe unha charla informativa, comezara a finais do pasado mes de xuño e fíxose en seis sesións nas que a veciñanza recibiu todos os elementos precisos para realizar compost –un composteiro individual de 360 litros, un manual de compostaxe, un aireador e un termómetro- ao tempo que recibiron unha formación sobre a súa instalación, uso e materiais compostables. Este cronograma de sesións comezara nas parroquias de Bértola e Figueirido, continuou pola parroquia de San Martiño de Vilaboa, pola de Santa Cristina de Cobres -con dúas sesións-, e vén de celebrar a pasada semana a última sesión na parroquia de San Adrián de Cobres.
 
A maiores das sesións realizadas nas parroquias, está previsto que se realice aínda un reparto e formación máis, concretamente no lugar de Paredes a mediados de agosto. Mentres, para todas aquelas veciñas e veciños que non puideran asistir ás charlas, poden dirixirse ao concello e solicitar o seu composteiro individual, aireador, termómetro e manual de compostaxe.
 
Ademais, de cara a acadar o obxectivo de que toda a cidadanía do municipio trate os restos orgánicos procedentes de cociña e xardín mediante a compostaxe antes de fin de ano, o persoal técnico de residuos da Deputación programará unha segunda quenda de formación e reparto para a veciñanza que quedase atrás, por cuestións como as ausencias por períodos vacacionais, por exemplo. De todos xeitos e segundo explican as e os técnicos que levaron a cabo os repartos, a asistencia ás xuntanzas e a acollida do proxecto resultou un éxito, acudindo á convocatoria persoas de todas as idades e algunhas que mesmo xa tiñan experiencia en compostaxe doméstica pero que quixeron ampliar os seus coñecementos e sumarse ao Plan Revitaliza.