Comezan a operar os centros de compostaxe comunitaria no concello de Mondariz

Iranse poñendo en funcionamento paulatinamente e a semana que vén espérase que xa estean operando 5


26 abril 2019
Centro de Compostaxe Comunitario

Mondariz xa ten instalados os 13 centros de compostaxe comunitarios previstos para este concello, dos cales 2 xa están en funcionamento e 3 máis comezarán a operar a partires da vindeira semana. A paulatina posta en marcha destes centros de compostaxe vén sumarse á compostaxe individual que xa está realizando a veciñanza –a Deputación xa leva repartidos preto de 800 composteiros individuais por todas as parroquias-, e que persegue o obxectivo de tratar os biorresiduos no mesmo lugar de orixe no que se producen, evitando que sexan depositados nos colectores verdes.

No caso da compostaxe comunitaria, as mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza están realizando unha formación por fases segundo a zona na que está previsto que se vaian poñendo en funcionamento os centros. Esta formación xa foi realizada entre os veciños e veciñas das zonas dos dous centros comunitarios que están funcionado, situados na Avenida do Grupo Escolar, e no aparcadoiro da rúa Cooperativa San Gregorio. 

Os tres que está previsto poñer en funcionamento para a semana son os situados en Estromil,  na rúa Lino Troncoso e na Praza da Pedreira. Nos vindeiros días, o persoal do Plan Revitaliza visitará os domicilios das persoas residentes nestas áreas para convocalos a candansúa xuntanza de formación, na que lles explicarán todo o que precisen sobre compostaxe, aclarando as dúbidas que poidan xurdir sobre o funcionamento do centro comunitario e o proceso que pasa o lixo orgánico para converterse en compost. Ademais, a medida que comezan a funcionar estes centros, as mestras e mestres composteiros distribúen cubos para as vivendas que participen na compostaxe comunitaria.

En canto á compostaxe individual que se está a realizar en todas as parroquias, o persoal técnico informa que aqueles domicilios que aínda carezan de composteiro e que desexen sumarse a esta modalidade de xestión dos biorresiduos, poden achegarse ata o Concello e solicitalo –en horario de atención ao público polas mañás-.

Ademais, cada parroquia dispón dun punto verde no que a veciñanza pode deixar os restos de podas para, posteriormente, recoller estruturante para utilizar nos seus propios composteiros individuais. Para este proceso, o concello dispón dunha trituradora que dará servizo a estes puntos verdes e que será utilizada tamén para triturar a poda propia do concello. O obxectivo é utilizar e aproveitar todos os restos de poda para devolverlle materia orgánica ó chan, evitar queimas, e contribuír a facilitar o proceso de compostaxe da veciñanza.