César Mosquera: "o sistema de compostaxe que estamos implantando xa transcende fronteiras"

O vicepresidente da Deputación recibe á economista xaponesa Kaori Kii que está a compilar experiencias de compostaxe por varios continentes


14 setembro 2018

Xapón súmase ao interese internacional que está xerando o Plan Revitaliza e confirma, en palabras do vicepresidente da Deputación que "o sistema de compostaxe que estamos implantando na provincia xa transcende fronteiras". César Mosquera, que recibiu esta mañá á economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, lembrou que o interese procedente do país nipón se suma ás visitas anteriores de países como Brasil e Italia. Mosquera explicou que a visita da xaponesa se enmarca nunha xira que está a realizar por varios continentes para compilar fórmulas de compostaxe e na que decidiu incluír Pontevedra como un dos referentes das experiencias en marcha. Informou, ademais, que Kaori Kii xa estivo na tarde de onte visitando composteiros en Vilaboa e Pontevedra, acompañada polo asesor provincial Carlos Pérez, como parte dunha "axenda moi axustada" que tamén inclúe encontros co persoal técnico especializado que está participando na implantación da compostaxe na provincia.

O interese nesta experiencia responde, segundo explicou Carlos Pérez, a que "Xapón é un dos países máis incineradores do mundo e a Axencia Internacional está intentando diversificar a súa xestión de residuos coñecendo outros sistemas que xa están en marcha". Tras as visitas de onte a composteiros comunitarios, Kaori Kii salientou como un dos puntos máis positivos "a compostaxe que se realiza no propio lugar" -referíndose á compostaxe que se realiza na residencia da terceira idade de Vilaboa e no centro Príncipe Felipe- por entender que é unha fórmula "sustentable" e que limita o "esforzo" de trasladar os residuos. A economista xaponesa amosouse "moi impresionada" polo funcionamento do modelo pontevedrés e asegurou que lle gustaría que "se collera este costume" no seu país, onde a educación ambiental ten unha gran consideración. Como exemplo da importancia de educación ambiental, Kaori Kii explicou que no Xapón o alumnado despois de xantar debe ocuparse de recoller e limpar posto que non dispoñen de servizo de limpeza nos comedores escolares, polo que sería interesante introducir pautas de compostaxe neste tipo de tarefas xa implantadas.

Na mañá de hoxe e antes de comparecer ante os medios, Kaori Kii mantivo un encontro de traballo con César Moquera no que puido profundar na filosofía de traballo do Plan Revitaliza. Así, o vicepresidente fixo especial fincapé en destacar como un dos puntos fortes no éxito da experiencia o feito de contar con persoal técnico cualificado e formado especificamente para este Plan a través da Facultade de Compostaxe. Kaori Kii tivo, ademais, a oportunidade de coñecer ao persoal técnico na súa visita que, entre a tarde de onte e a mañá de hoxe, incluíu un percorrido polos composteiros comunitarios instalados en Vilaboa – na residencia de terceira idade, fronte ao Concello e no restaurante Luis-, e en diversos puntos de Pontevedra como Monte Porreiro, Ponte boleira, Eduardo Pondal, no campus universitario, e en Príncipe Felipe, onde a visita se focalizou en como os residuos producidos pechan o círculo in situ para converterse en fertilizantes que son utilizados na horta do Carlos Oroza.