Catorce concellos da provincia contarán de maneira inmediata con mestras e mestres composteiros grazas ás subvencións da Deputación

A Xunta de Goberno aprobará este venres axudas por case 300.000 € para este exercicio, que se prolongarán dous anos máis


21 abril 2020
Mestres composteiros

Catorce dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza recibirán de maneira inmediata subvencións da Deputación para contratar quince mestras e mestres composteiros que se farán cargo dos centros de compostaxe e do control dos composteiros individuais de cada municipio. Este venres a Xunta de Goberno aprobará a axuda económica para este exercicio, que ascende a uns 300.000 euros e supón o 100 % do salario para os oito meses que restan do ano.

A incorporación do persoal técnico para a compostaxe nos concellos está prevista para o 15 de maio, sen prexuízo de que se poidan producir retrasos motivados polo estado de alarma ou pola decisión dos propios gobernos locais. Segundo explica o vicepresidente, César Mosquera, a Deputación decidiu retomar o proceso selectivo que quedara paralizado na fase de concurso no mes de marzo pola emerxencia sanitaria e levantou a suspensión de prazos de forma motivada, xa que o servizo de tratamento de residuos, no que se inclúe a compostaxe, está considerado esencial.

Hai que lembrar que nestes momentos están activos todos os centros de compostaxe da provincia que dependen do Revitaliza. Estes son atendidos por un servizo básico de mestras e mestres composteiros da Deputación que realiza os labores de control do proceso –medicións de temperatura, enchido, impropios etc.–, así como os de mantemento das garantías sanitarias. Durante as semanas do estado de alarma o equipo do Revitaliza rexistrou un aumento moi significativo das achegas de residuos orgánicos nos composteiros: de feito, contabilizouse que o nivel de enchido se duplicou de media e case se cuadriplicou nalgúns centros de compostaxe comunitaria.

As e os mestres composteiros que se incorporen como persoal interino municipal por programa pasarán a reforzar o servizo provincial. Os concellos que contarán con novo persoal para traballar seguindo as indicacións do plan de compostaxe son Vilaboa, Bueu, Cangas e a mancomunidade do Morrazo na comarca do Morrazo; A Illa de Arousa, O Grove e Valga na zona do Salnés; A Guarda e Tui no Baixo Miño; Mondariz e As Neves no Condado; Gondomar no Val Miñor e Poio e Ponte Caldelas na comarca de Pontevedra.

Para a concesión das subvencións que a Deputación aprobará este venres tivéronse en conta diferentes parámetros; principalmente, a experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) coma a través de composteiros individuais de exterior (COIN), ademais da realización doutras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións. Tamén se valorou a posibilidade de que os concellos poidan acadar o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais por medio de composteiros.

As subvencións aos concellos para a contratación do persoal técnico non se limitarán a este exercicio de 2020, senón que se prorrogarán durante dous anos máis, aínda que con menor contía económica. Así, no 2021 a Deputación achegará o 50 % (179.858,25 euros) e no 2022 achegará o 30 % (107.914,95 euros), o que fará un total de 575.546,40 euros nos tres anos. O custo máximo por cada membro do cadro de persoal será duns 28.800 euros.

Trátase da segunda vez que a Deputación lles facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, xa que outorgou na primeira convocatoria axudas para a contratación de trece postos técnicos. As quince novas prazas C cubriranse con persoal preparado en compostaxe e chamarase, en primeiro lugar, a aquelas persoas que forman parte da vixente bolsa de emprego e, en segundo lugar, ás da lista creada tras o proceso de selección realizado este ano pola Deputación.