"Éxito absoluto" da carpa informativa do Revitaliza en Tui

As mestres e mestras composteiros da Deputación atenderon a medio milleiro de persoas que se interesaron pola compostaxe


20 agosto 2020
Revitaliza Tui

A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación tivo hoxe un "éxito absoluto" na súa visita a Tui. As mestras e mestres composteiros atenderon ao longo da mañá a preto de medio milleiro de persoas interesadas na compostaxe e en como conseguir un composteiro individual (COIN) para a súa casa con horta ou en como compostar nos composteiros comunitarios. A afluencia de persoas foi continua e xa ao mediodía xa se formalizaran máis de 20 inscricións para dispoñer dun composteiro individual.

Segundo explica o persoal da Deputación, todas as persoas que hoxe solicitaron o COIN poderán recollelo próximamente logo dunha charla de formación específica  xunto con todo o material necesario (remexedor, termómetro e guía de uso). Para a veciñanza interesada en ter un composteiro en breve aínda quedan oportunidades para preinscribirse. A primeira será o xoves 3 de setembro, cando haberá unha nova carpa informativa na vila. Polo de agora existe un stock de 50 COIN cedidos pola Deputación, mais abrirase unha lista de agarda se existe demanda.

Ata o de agora, o Concello de Tui está na chamada fase demostrativa (fase I) do Plan Revitaliza. No concello hai tres centros de compostaxe comunitaria instalados en diferentes puntos, e hai repartidos uns 120 COIN entre as distintas parroquias. Tamén se están a desenvolver actividades destinadas ás crianzas durante estes días, organizadas pola Deputación en colaboración co Ceida e a instancias do Concello, sendo a próxima o venres 4 de setembro.

Na carpa informativa de hoxe, as e os cidadáns que se achegaron recibiron explicacións do persoal técnico provincial sobre a compostaxe e como se debe xestionar o lixo orgánico, xa que a finais deste ano a Unión Europea esixirá un tratamento sustentable. A intención das xornadas informativas coa carpa está en que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e que a compostaxe convirte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost.

As persoas, ademais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, recolleron diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas) e puideron levar unha mostra de compost.