As actividades escolares do Revitaliza consolídanse coa participación de preto de 48.000 nenas e nenos da provincia implicados na compostaxe

A Deputación celebrou hoxe o seu V Encontro de Educación Ambiental con centros de ensino de Pontevedra, Vilaboa, Moaña e Gondomar destacados como "exemplos de boas prácticas en materia de residuos"


02 decembro 2021
Revitaliza Congreso Escolar

As actividades escolares do Revitaliza para achegar a compostaxe ás crianzas e mocidade da provincia están xa consolidadas cun grande éxito. Así se demostrou no V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado hoxe, onde que se deu a coñecer que dende a posta en marcha da iniciativa escolar  da Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) en 2017 son preto de 48.000 as e os escolares que participaron nos diferentes obradoiros, charlas divulgativas e xogos.

O Encontro realizouse de maneira telemática e tivo como principais protagonistas aos 120 rapaces e rapazas dos centros de ensino CEIP Froebel de Pontevedra, CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que expuxeron o traballo sobre residuos realizado nos últimos meses, e foron seleccionados seleccionados entre moitos colexios e institutos da provincia por seren "exemplos de boas prácticas" .

Na inauguración da xornada participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do CEIDA, Carlos Vales, que de maneira conxunta subliñaron o traballo do Revitaliza e do persoal divulgador que traballa coa cativada. Carmela Silva amosouse agradecida con todas as persoas que fan posible este proxecto "como son Carlos Vales, todo o equipo do Revitaliza e o profesorado que aposta por ensinar en clave sostible". Neste senso, a presidenta provincial fixo unha mención especial a César Mosquera quen "decidiu que a provincia de Pontevedra se embarcara nun proxecto moi potente, auténtico e diferente. O vicepresidente tíñao moi claro e arriscou porque cando se quere transformar o modelo existente hai que ter moita valentía".

Carmela Silva destacou tamén que este proxecto está a cambiar os hábitos da sociedade e fixo fincapé na importancia que cobra a educación neste sentido, porque "elas e eles -referíndose ao alumnado que participa no programa- serán as e os próximos dirixentes e terán un compromiso ambiental". Deste xeito, afirmou a presidenta provincial, "educar é educar integralmente e, dende logo, a educación medioambiental é fundamental".

Pola súa banda, o vicepresidente provincial indicou á cativada asistente ao congreso que están "a ser todos partícipes dun proxecto punteiro e transcendente", xa que o Revitaliza é unha iniciativa "novidosa, potente, que está a mirar cara o futuro aplicando as solucións que todo o mundo ten na boca e que hai que aplicar sobre  economía circular, quilómetro cero, devolverlle á terra o que nos dou, ou protexer o planeta de plástica e outras substancias que lle fan dano..."

Mosquera indicou que á hora de falar do medio ambiente é fundamental a sensibilización, a aprendizaxe e a formación dentro da escola, polo que se amosou "sumamente satisfeito" tanto do traballo do CEIDA e da resposta por parte dos colexios, xa que ata o de agora pasaron polas actividades escolares do Revitaliza preto de 48.000 nenas e nenos, "unha cifra elevada e significativa, non unha actuación puntual, senón algo masivo e estendido que demostra que ten continuidade, unhas bases sólidas, e que segue chegando con éxito e receptividade por parte do profesorado e a cativada francamente elevada".

Pola súa banda, o director do CEIDA Carlos Vales salientou tamén que o Revitaliza está a ser unha realidade consolidada no tempo que a entidade que dirixe está a levar ao sistema educativo "para conseguir que se implante como un modelo de xestión de residuos moi superior". Subliñou que o traballo que se está a facer por parte da Deputación "está a marcar a historia" xa que está a ser recoñecido no mundo enteiro e a ser nomeado en conferencias de China, Xapón e Europa ás que asisten milleiros de persoas.

Tamén subliñou Vales o seu orgullo pola posta en marcha das iniciativas escolares do Revitaliza, que nun momento de crise económica –dixo-  permiten demostrar a existencia de profesionais de valía na educación ambiental e darlles traballo de maneira digna.  

Os colexios ‘exemplares'

Logo da inauguración tocou a quenda de presentar o programa educativo e resultados do ano 2021 a cargo da representante da equipa Revitaliza do Ceira Susana Soto Fernández, quen amosou unha gráfica comparativa deste ano 2021 cos resultados dos anos anteriores. Subliñou que contando coas previsións ata finais de decembro este exercicio pasarán polas actividades  escolares do Revitaliza máis de 9.100 rapaces e rapazas en 538 actividades, un número de actos que roza o acadado en momentos prepandemia pero que por cuestións de protocolo sanitario obriga a ter a menos asistencia.

Apuntou que no ano 2017 o número de participantes nos centros de ensino. foi de 3.590; 14.013 no 2018; 13.261 no 2019; 7.922 no 2020 e 9.146 neste ano. Tamén salientou que o Revitaliza, ademais de nos centros de ensino, estivo activo para a cativada nos veráns de 2020 e 2021, chegando a 1.680 nenas e nenos nas ludotecas, campamentos municipais e outras iniciativas organizadas polos concellos nos meses de verán, facilitando tamén a conciliación ás familias.

Acto seguido á exposición dos datos chegou o momento de poñer de relevo a visión dos centros educativos sobre o Revitaliza, a compostaxe e os residuos a través de audiovisuais das actividades educativas gravadas nos centros, sumadas a pequenas intervencións en directo.

Participou na xornada o CEIP Froebel (Pontevedra), un centro de pequenas dimensións, enclavado nun edificio histórico en pleno centro da cidade de Pontevedra, carecendo case por completo de espazos ao aire libre, no que o alumnado foi capaz de aproveitar un pequeno curruncho para emprender a súa propia aventura da compostaxe.

Explicaron que o interese e inquedanza pola compostaxe no CEIP Froebel comezou hai anos, en concreto dende a visita a unha factoría de tratamento de residuos,  que deixou ao alumnado e ao profesorado a semente que máis adiante xermolaría coa aplicación do Plan Revitaliza. A día de hoxe, cada xoves, un grupo de alumnos e alumnas de sexto, en rotación semanal, percorre todas as aulas do centro recollendo o lixo orgánico producido nas merendas, sendo a estrela o plátano, todo un clásico dentro das merendas saudables.

No transcorrer do pasado curso obtiveron unha produción dunha saca de compost, repartida logo entre as familias que o solicitaron. Neste curso teñen o reto de conseguir mellorar a calidade do produto, pois teñen máis experiencia e traballan con máis eficacia.

O seguinte centro en expoñer o seu traballo foi o CEP Riomaior (Vilaboa), que leva xa tempo participando n programa do Revitaliza, tendo xa unha grande experiencia nos traballos de horta e na elaboración e aplicación do compost. Cada curso escollen un tema, e este ano o seu lema é " síntome ben".

Neste proxecto dedican un día da semana a cada elemento da mellora persoal, á vez que promoven actividades eco-sostibles: os luns coidan o que comen, así que escollen un alimento saudable, procurando que sexa de proximidade (mesmo km 0) e de tempada.; os mércores procuran dar outra vida a restos téxtiles e naturais, creando elementos decorativos persoais e para as súas casas; os xoves saen facer exercicio físico e a pasear pola beira do río e do mar, recollendo de paso o lixo que atopan tirado; e os venres comparten actividades saudables para facer durante a fin de semana pola contorna gozando do seu entorno natural e tamén recomendan receitas sinxelas co produto estrela da semana. A máxima do CEP Plurilingüe é "Coidemos a nosa saúde e a do noso planeta sentíndonos ben".

Outro dos colexios participantes foi o CEIP Domaio (Moaña). A filosofía dos ‘Tres Erres' está moi arraigada neste colexio, reducindo en gran medida o lixo que se envía ao vertedoiro: todo tipo de materiais e embalaxes, así coma xornais, son procesados e reutilizados na creación de obras artísticas.

Asemade, teñen moi presente a necesidade de promover unha vida san que comeza polo que comen. Os cultivos na horta, no que participan o alumnado de Infantil e as familias, son parte do proxecto medioambiental permanente do centro.

Este curso escolar pretenden afondar e ampliar dito proxecto, incluíndo un composteiro para concienciar ao alumnado e ás familias na necesidade de sacar máis proveito aos residuos orgánicos que a miúdo van ao lixo e, ao mesmo tempo, reducir o uso de fertilizantes sintéticos en favor doutros máis naturais. Aínda máis, seguindo iniciativas xa postas en práctica en pasados cursos, pretenden continuar con cultivos de tempada iniciando a plantación da semente na clase para que o alumnado continúe o coidado dos brotes na casa.

Finalmente foi protagonista o CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar). A nova directora da escola Xosé Neira Vilas atopou no antigo galiñeiro un composteiro algo abandonado, colocouno no patio de arriba e a información referente ao mundo da compostaxe comezou a espallarse entre profesorado e alumnado. Foron creando a súa propia horta grazas á mestra composteira do Concello de Gondomar, e a unha das nais que "resultou toda unha crack niso da permacultura".

Converteron o antigo galiñeiro nun fermoso e útil invernadoiro onde poden facer as súas sementeiras. Co tempo conseguiron dous composteiros novos, distribuídos en cadanseu patio e ciclo, permitindo a recollida e aproveitamento dos residuos das súas merendas para compost, e para o colector amarelo no caso dos envases.  A formación do profesorado no programa educativo Revitaliza axudou a actualizar e harmonizar contidos nesta materia e aplicalos no centro.