A veciñanza da zona do Toural, destinataria dos próximos composteiros individuais en Vilaboa

Mañá xoves, ás oito da tarde, haberá unha nova entrega e unha reunión formativa do Plan Revitaliza da Deputación


04 xullo 2018
O núcleo do Concello de Vilaboa, a zona do Toural e arredores, vai ser mañá o protagonista dunha nova repartición de composteiros individuais dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión outra quenda de aproximadamente 90 veciñas e veciños que dispoñan de casas con terreo poderán coñecer como compostar os seus restos orgánicos (residuos de cociña e de xardín) grazas aos instrumentos e asesoramento aportados pola institución provincial.
 
Esta nova reunión en Vilaboa, ás oito da tarde en instalacións municipais, encáixase dentro da programación prevista tanto pola Deputación como polo concello para acadar que a final de ano toda a veciñanza do municipio poida tratar os seus biorresiduos ‘in situ' no seu propio domicilio. Hai que lembrar que o Concello de Vilaboa será un dos primeiros en todo o Estado español que cumprirá en tempo a nova normativa de residuos, que obrigará a que no ano 2020 todo o lixo orgánico se composte ou se recolla de xeito separado. Este paso a un novo modelo de xestión de residuos será moi sinxelo e economicamente asumible para as arcas locais xa que a Deputación vén de aportar o 90 % do custo de mercar os composteiros individuais para a cidadanía, os composteiros comunitarios, e tamén un camión grúa, trituradoras para estruturante e outros elementos necesarios para o cambio.
 
A cidadanía convocada á reunión de mañá estase a citar por teléfono de xeito personalizado aínda que as charlas están abertas tamén a outras veciñas ou veciños que non puideran asistir en charlas anteriores ou que teñan interese en coñecer a compostaxe. Na reunión entregarase a cada veciño e veciña un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Na charla formativa explicaranse os motivos polos que é importante a xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas do novo sistema de xestión dos residuos en ambas vilas, o funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante, e tamén como funciona o servizo de préstamo de trituradoras domésticas.
 
O concelleiro de Medio Ambiente, así como representantes de Amigos da Terra (AdT), asociación colaboradora da Deputación, explicarán cuestións xerais sobre o lixo (máis da metade do que se produce nos domicilios é de tipo orgánico), os beneficios da compostaxe, como se debe instalar o composteiro individual (COIN) na parcela, os materiais compostables e os que non o son, así como a importancia do estruturante, entre outras cuestións.
 
Durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza de Mondariz comece a compostar os seus residuos orgánicos nos COIN do Plan Revitaliza, as persoas usuarias van dispor de asesoramento e seguimento directo, xa que recibirán unha media de cinco visitas domiciliarias das técnicas de Amigos da Terra. Nestas visitas o persoal comprobará que o proceso se fai correctamente medindo todos os parámetros, e resolverá dúbidas. Tamén estará a disposición da cidadanía o persoal técnico da Deputación.