A rapazada do CEIP Cerdeiriñas de Vila de Cruces faise experta en compostaxe cun microcomposteiro de aula

O alumnado estrea os novos obradoiros e contos do Plan Revitaliza da Deputación deseñados para ensinar de maneira lúdica a necesidade de xestionar o lixo de maneira sustentable


16 xaneiro 2020
Plan Revitaliza

Construír un composteiro pequeno que permita visualizar a descomposición da materia orgánica dos biorresiduos domésticos similar á que se produce durante a compostaxe por parte dos microorganismos do chan. Ese foi o obxectivo da actividade que a rapazada do CEIP Cerdeiriñas de Vila de Cruces realizou esta semana dentro das actividades didácticas do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Unha vez construído o seu microcomposteiro as e os escolares poderán ver na aula como vai evolucionando o proceso de compostaxe nas vindeiras semanas: comprobarán e controlarán a temperatura, o volume e peso da materia achegado, as variacións de aspecto e cor da materia, así como o cheiro típico a bosque (se se fai correctamente). Ademais, ao ter instalado tamén recentemente un composteiro individual no centro de ensino, as e os rapaces poderán extrapolar os datos obtidos nun e noutro.

Este obradoiro titulado ‘Microcompostaxe na aula' é unha das novas actividades incluídas neste curso 2019-2020 dentro do programa sobre compostaxe organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza e está destinado ao ciclo superior de Primaria, ESO, ciclos formativos e Bacharelato. Neste caso, no CEIP Cerdeiriñas foi desenvolvido co alumnado de 5.º e 6.º de Primaria.

Para o alumnado máis novo (de 1.º a 4.º de Primaria) fixéronse tamén outras actividades como o xa coñecido Xogo da Miñoca (similar á tradicional OCA para contestar preguntas e avanzar no taboleiro), e tamén un variado de entre todas as novas incorporacións de xogos para este curso (dominó de compostaxe, a proba dos residuos do tesouro, o crebacabezas dos bichocos, o composteiro máxico, o Pictionary da Terra Máxica e o labirinto dos sentidos dos bichocos).

O vindeiro venres será a quenda dos e das rapazas máis novas do centro de Cerdeiriñas, as e os 18 que cursan Educación Infantil, e que participarán nun obradoiro para comprender as diferentes etapas do proceso do compost a través dun conto titulado A Terra Malfadada no xardín máxico dos bichocos.

Todas estas actividades lúdicas están supervisadas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), co que a Deputación ten asinado un convenio para dar a coñecer a compostaxe ás e aos máis pequenos co fin de que se conciencien da importancia de xestionar os residuos dunha maneira sustentable. Habitualmente alumnas e alumnos convértense en perfectos profesores das súas familias cando chegan ás casas, onde convencen aos adultos do seu arredor da necesidade de coidar o medio ambiente.

Os obradoiros nos centros educativos ao abeiro do Plan Revitaliza estanse a desenvolver ao longo desta semana tamén nos concellos de Baiona, Redondela, Pontevedra e A Illa de Arousa.