O CIFP Carlos Oroza consolida a formación en compostaxe do alumnado con novas palestras sobre o Plan Revitaliza

O persoal técnico da Deputación explicou a ligazón entre compostaxe, economía circular e hostalería de calidade


24 setembro 2018

O Plan Revitaliza da Deputación volve este curso escolar ao centro integrado de formación profesional (CIFP) Carlos Oroza con novas palestras para dar a coñecer a compostaxe ao alumnado, consolidando así a formación xa iniciada en cursos anteriores. Estudantes de Cociña e Panadería atenderon o pasado venres ás primeiras charlas do persoal técnico provincial sobre a xestión do lixo, e despois visitaron composteiros comunitarios que dan servizo ao centro de hostalería. Estas xornadas teóricas –que se repetirán este xoves e tamén a primeiros de outubro para outras persoas integrantes da comunidade educativa– completaranse co traballo práctico nas clases, compostando os residuos orgánicos e utilizando o compost para a horta ecolóxica.

As palestras son impartidas por persoal técnico da Deputación, mestras e mestres composteiros, que explican ao alumnado a ligazón entre a compostaxe, a economía circular e a hostalería de calidade aportando datos sobre como é a xestión da recollida e tratamento do lixo na actualidade, en que consiste compostar e como é o proceso en xeral, e como se compostan os biorresiduos do Carlos Oroza en particular. Faise especial fincapé na importancia de separar ben o lixo orgánico en orixe (aclarando que produtos se poden botar no composteiro e cales non), en como se deben facer as achegas ao composteiro comunitario, e na importancia de tapar o material aportado con estruturante.

O persoal Revitaliza destaca nas explicacións o valor de que o lixo orgánico se converta nun produto valioso como é o compost, que serve para fertilizar a horta ecolóxica do centro de hostalería na que se plantan diferentes cultivos de tempada e herbas aromáticas –que despois son utilizados no restaurante aberto ao público–. Alumnas e alumnos xa teñen comprobado a calidade dos vexetais obtidos, xa que levan recollido varias colleitas de inverno e verán, sendo esta última moi grande, polo que foi repartida entre colaboradores e incluso conxelada para poder utilizala ao longo do curso.