A Deputación pon en marcha o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza en Portas

Está situado na Azucreira e dará servizo ao centro de día, á escola infantil e a varias vivendas de arredor


07 maio 2019
Composteiros en Portas

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra acaban de poñer hoxe en marcha o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Concello de Portas. Está instalado nas inmediacións da Azucreira e dará servizo ao centro de día, á escola infantil e a varias vivendas dos arredores, que deberán depositar alí o seu lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) en lugar de levalos aos colectores verdes.

O centro de compostaxe comunitaria de Portas será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento. Nestes primeiros días está previsto só recibir os restos das comidas do cátering do centro de día de maiores e da cociña da Galiña Azul, dous produtores singulares que xa teñen información sobre o funcionamento e o proceso da compostaxe. Nas vindeiras xornadas comezará a campaña informativa para a veciñanza da man das mestras e mestres composteiros, que tanto no propio centro de compostaxe como porta a porta irán explicando todo sobre compostaxe, aclarando as dúbidas que poidan xurdir sobre o funcionamento do centro comunitario e o proceso que pasa o lixo orgánico para converterse en compost. O persoal técnico anima ás veciñas e veciños da zona a achegarse ao centro e incluso a levar os seus restos de comida e vexetais para así coñecer de primeira man todo o que precisen saber.

Dado que o Concello de Portas é practicamente rural e non existen edificacións en altura, o centro de compostaxe da Azucreira será un dos poucos que se poderán instalar con estas características. O resto da veciñanza, de seguir adiante o goberno local coa iniciativa, farase a través de composteiros individuais para as casas con horta. O Concello de Portas é un dos adheridos ao Plan Revitaliza da Deputación para comezar a tratar os biorresiduos en proximidade, isto é, alí onde se producen, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos, xa que os concellos aforran o custo da recollida da parte orgánica do lixo –máis do 50 % da bolsa–, o seu transporte ata a planta de incineración, e tamén o propio tratamento.

Hai que lembrar que no ano 2020 a normativa europea obrigará a recoller o 100 % da fracción orgánica do lixo de maneira separada para tratala de maneira sustentable, obxectivo que a día de hoxe poucos concellos están en condicións de cumprir e que a Deputación está a facilitar co seu plan de compostaxe.