A Deputación organiza unha charla sobre os beneficios do compost no viñedo

O persoal técnico do Revitaliza da Deputación realizou esta fin de semana unha nova xornada formativa da veciñanza para o manexo de biotrituradoras


18 febreiro 2019
Xornada formativa da veciñanza para o manexo de biotrituradoras

A Deputación de Pontevedra celebrará o vindeiro mes de marzo unha charla informativa en Vilaboa para dar a coñecer os beneficios do compost como emenda orgánica para os viñedos. O relatorio está dirixido aos produtores da zona e público en xeral que queiran obter un coñecemento máis en profundidade do tema e correrá a cargo do persoal técnico do Revitaliza.

Deste xeito, Deputación e Concello continúan o despregue do plan de compostaxe na vila, coa intención de acadar en breve unha separación total dos biorresiduos tanto por parte da veciñanza e dos grandes produtores de lixo orgánico, tanto sexan da hostalería como doutros ámbitos, co fin de pechar o ciclo transformando os residuos en recursos.

Nesta fin de semana celebráronse outras xornadas formativas para o manexo de biotrituradoras organizado pola Concelleria de Medio Ambiente de Vilaboa, que contaron coa participación de persoal do Revitaliza. Alí formáronse 21 persoas novas usuarias do servizo, que actualmente suma máis dunha trintena de veciños e veciñas. Estes, unha vez formados,  poden levar en préstamo unha das catro biotrituradoras coas que converter os restos de poda en estruturante para os seus composteiros, ou  empregalo nos seus cultivos e xardíns como ‘mulching', reducindo así as necesidades de rego ou o emprego de herbicidas entre outros.

O servizo de préstamo de microtrituradoras foi posto en marcha polo concello de Vilaboa de xeito pioneiro. Para solicitar a maquinaria, as persoas solicitantes deben superar un breve curso no manexo e seguridade, depositar unha fianza, e presentar unha copia do recibo do lixo do ano en curso. Con este servizo o Concello pretende axudar aos veciños e veciñas a proverse de estruturante para empregalo nos seus composteiros, podendo triturar os restos de poda seca que teñan das súas fincas ao dispor da maquinaria no seu domicilio durante un tempo determinado.

Hai que lembrar que o estruturante que se debe misturar cos restos de cociña e vexetais nos composteiros non é outra cousa que pólas, serraduras, madeira seca ou follaxe triturada en anacos de 1,5 centímetros aproximadamente. Este compoñente, moi rico en carbono, denomínase estruturante posto que a súa principal función é a de dar ‘estrutura' ao material a compostar: permite que pase o aire entre o lixo e compensa a humidade dos residuos orgánicos.

Coa trituración dos restos de podas, da follaxe seca e outros restos leñosos, ademais de prover de estruturante (que tamén pode ser usado como `mulching´ en cultivos de froiteiras ou viñedo), evítanse posibles queimas e que estes restos acaben no circuíto de recollida do lixo, o que hai que lembrar, está terminantemente prohibido.