A Deputación elabora unha ordenanza pioneira sobre compostaxe local baseada na experiencia do Plan Revitaliza

Formará parte dos documentos de traballo da xuntanza a nivel estatal que Pontevedra acollerá a comezos de novembro para poñer en común as experiencias máis relevantes en materia de compostaxe


18 outubro 2018
Rolda de prensa César Mosquera

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue avanzando no seu desenvolvemento técnico e normativo e a partires do 26 de outubro contará cunha ordenanza reguladora que completa e sistematiza o seu funcionamento. Así o anunciou esta mañá o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, quen asegurou que o texto deste documento se presentará mañá á Comisión Informativa de Medio Ambiente e o venres da vindeira semana será sometida a votación no Pleno da Deputación. "Trátase dunha ordenanza pioneira, en canto ata o de agora non había asentados unha serie de principios vinculados aos procesos de compostaxe" asegurou Mosquera.

O vicepresidente fixo especial fincapé en que este documento "ven demostrar a madurez do Plan Revitaliza" e engadiu que "chegar a este grao de regulación tamén supón que o Plan vai superando etapas". Así, explicou que a experiencia de compostaxe na provincia posta en marcha pola Deputación no presente mandato tivo que ir avanzando e superando diferentes fases antes de "chegar a unha regulación que ademais supón un grao de regulación moi elevado". Mosquera indicou que entre o máis destacado deste documento está que "se entende a compostaxe como un proceso eficaz e controlado" e lembrou que a gran novidade, e tamén o maior éxito do Plan Revitaliza, é o control e o seguimento que se realiza a través de persoal técnico e cualificado especificamente para este fin. Neste sentido, mencionou experiencias de distribución de composteiros individuais por parte da Xunta ou de Sogama que se realizaron no pasado, sen ningún tipo de control nin de asesoramento ou seguimento, e que non deron ningún dos resultados desexables para avanzar no tratamento sostible dos biorresiduos.

A eficacia e o éxito do Plan demóstrase ademais, tal e como mencionou o vicepresidente, en que cinco concellos ademais de Pontevedra, que son Mondariz, Mondariz-Balneario, Vilaboa, As Neves e O Grove, están no camiño de eliminar os colectores verdes e compostar todos os seus residuos orgánicos. Tamén mencionou como mostra da boa marcha do Plan que a previsión inicial é que a maioría dos concellos da provincia se adhiran ao Revitaliza na vindeira convocatoria.

Expectativas a nivel estatal e europeo

A ordenanza reguladora do Plan Revitaliza inclúe a nova terminoloxía asociada aos procesos de compostaxe -cun amplo apartado de definicións-, e aos principios que leva inherentes, como son a autosuficiencia e a proximidade. O texto avanza ademais, segundo anunciou César Mosquera, no impulso da nova lexislación da directiva marco europea e na necesidade
"de baixala a terra e poñela en termos semellantes a esta ordenanza".  Neste punto, o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez indicou que "ademais dos elementos conceptuais que se introducen no texto, nos que somos avanzadilla, tamén damos un paso máis para pasar da reciclaxe ao concepto da prevención". Pérez explicou que o termo ‘residuo' vai enfocado cara a "algo do que te desprendes, pero como na compostaxe non nos desprendemos da materia orgánica, estamos falando de prevención, que é na liña na que tamén están traballando en lugares do País Vasco ou de Francia".

Precisamente, na serie de xuntanzas que se están levando a cabo no Estado español entre as institucións e Administracións que están realizando as experiencias máis avanzadas en materia de compostaxe, a ordenanza da Deputación de Pontevedra terá un papel relevante. O vicepresidente anunciou que o vindeiro foro terá lugar os días 5 e 6 de outubro en Pontevedra e que contará coa participación de representantes da Generalitat de Catalunya, da Generalitat de Valencia, de Euskadi, de Navarra e do Ministerio. Nesta xuntanza, na que a Deputación achegará esta ordenanza, debátese sobre como avanzar en instrumentos que desenvolvan a directiva marco europea e, neste sentido, o vicepresidente asegurou que "este texto está levantando bastantes expectativas e estamos seguros de que a partires de aquí vai haber toda unha serie de instrumentos que vaian nesta dirección".

Por último, Mosquera tamén anunciou que a Deputación exporá o seu plan de compostaxe en Bruselas o vindeiro 19 de novembro, convidada pola Comisión Europea. Hai que lembrar que este convite chega despois de que o Plan Revitaliza fora seleccionado o pasado ano como ‘experiencia ambiental relevante' pola axencia europea ‘Zero Waste Europe', unha entidade que traballa da man da Comisión Europea no ámbito do Medio Ambiente.