A compostaxe chega a máis dun milleiro de nenos e nenas dos centros de ensino de Pontevedra

Os colexios Manuel Vidal Portela, Froebel, Xunqueira 1 e Xunqueira 2, Campañó, Xeve e Verducido acollen durante este mes e o próximo charlas, obradoiros, exposicións, e postas en marcha de composteiros do Plan Revitaliza da Deputación


28 novembro 2018
Plan Revitaliza nos colexios da provincia

Máis dun milleiro de nenos e nenas dos diferentes centros de ensino do concello de Pontevedra van dedicar o mes de novembro e tamén o de decembro a aprender sobre compostaxe. Persoal de divulgación ambiental contratado pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza está a celebrar estas semanas charlas informativas, obradoiros, xogos, exposicións e postas en marcha de composteiros en colexios do centro urbano como o Manuel Vidal Portela, Froebel, Xunqueira 1 e Xunqueira 2 e Campolongo, e tamén das parroquias de Campañó, Xeve e Verducido.

A intención de todas estas actividades é que os pequenos e pequenas coñezan de primeira man que o lixo orgánico –restos de comida e vexetais- pode converterse nun recurso, o compost, en composteiros comunitarios ou individuais. A Deputación –coa colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA)- pretende concienciar ao alumnado na importancia de reciclar e aproveitar os biorresiduos para que a xestión do lixo sexa ambientalmente máis sostible e tamén máis económica.

Os conceptos sobre os residuos urbanos e a compostaxe chegaron aos e ás escolares de forma lúdica e entretida, con vocabulario axeitado ás idades e aos diferentes ciclos educativos aos que se está a levar o programa. Así, para coñecer a 'vida interior' dos composteiros, o programa educativo do Plan Revitaliza propón o obradoiro ‘Quen vive aí?, unha actividade na que as pequenas e os pequenos identifican os invertebrados que habitan nos centros de compostaxe e que descompoñen os restos orgánicos do lixo, sendo parte fundamental do proceso para obter o compost.

Ademais dese obradoiro tamén destacan outros como ‘O xogo da miñoca', destinado aos rapaces e rapazas máis pequenos (Infantil e primeiro ciclo de Primaria),  que consiste nunha variación da moi coñecida Oca na que formando equipos sentados no chan resolven preguntas sobre como acadar un bo compost.

Para os cursos máis adiantados de Primaria e Secundaria está a charla ‘A voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Nela os estudantes coñecen que se pode botar no composteiro, canto tempo pasa para producir o primeiro compost, como vai cambiando o lixo orgánico ata converterse nun fertilizante e se é sinxelo controlar o proceso a través dos mestres e mestras composteiros que lle fan o seguemento.

O evento máis interactivo de todo o programa educativo do Plan Revitaliza –ademais das postas en marchas dos composteiros de cada CEIP- será o congreso escolar no que a final de curso se reúnen media ducia de centros de ensino para mostrar os traballos que fixeron ao longo do ano en materia de compostaxe. Ata o de agora lévanse celebrado dúas edicións nas que estudantado de Primaria e Secundaria explicaron as bondades da compostaxe analizadas dende os diferentes puntos de vistas dos pequenos e pequenas de moi diferentes partes da provincia de Pontevedra.

No día de hoxe o persoal de divulgación do CEIDA estivo coa rapazada do CEIP Manuel Vidal Portela, onde houbo charlas, xogos e obradoiros que continuarán toda a semana en diferentes grupos e cursos. Tamén está previsto celebrar charlas formativas destinadas a profesorados e membros das ANPA.

Fotos