A China pon os seus ollos no Plan Revitaliza de compostaxe

Unha delegación de cargos políticos, científicas e científicos, e persoas expertas ambientais percorrerá a provincia dentro dunha xira europea


28 setembro 2019
Plan Revitaliza

O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra segue a acumular proxección internacional. A vindeira semana unha delegación de persoal político e técnico da China percorrerá a provincia durante dous días para coñecer o modelo de xestión de biorresiduos en proximidade que ten en marcha a institución provincial.

A visita a Pontevedra está enmarcada dentro dunha xira por Europa para estudar os modelos máis punteiros do vello continente en canto a xestión local descentralizada mediante tratamentos biolóxicos e tamén sobre recollidas selectivas de biorresiduos en orixe. A parte relativa aos tratamentos locais descentralizados estará dividida en tres áreas e modelos: o Revitaliza da Deputación de Pontevedra, experiencias diversas no País Vasco, e outras actuacións na Comunidade Foral de Navarra.

A parte relativa ás recollidas selectivas estará focalizada no modelo italiano, con visita a Milán e outras experiencias polo norte de Italia, nas que incluirán visitas a algunha grande planta de tratamento. Por último a visita concluirá en Bilbao, coa asistencia ao congreso que a International Solid Waste Association (ISWA) organiza este ano en terras vascas.

A delegación chinesa componse dun total de doce persoas, das que dúas son representantes oficiais do goberno chinés, da zona de Cantón, unha das vinte dúas provincias que, xunto coas cinco rexións autónomas, catro municipios e dúas rexións administrativas especiais, conforman a República Popular China. Tamén estarán en Pontevedra dúas persoas da fundación oficial do goberno chinés Vanke Foundation, unha representante da Universidade de Nanjing, tres de ONG, unha dunha empresa privada, e dúas de consultoras freelance.

A organización deste evento no que afecta á súa parte no territorio español, corre a cargo da asociación Fértile Auro, que considerou importante referenciar o traballo feito na provincia.

O Plan Revitaliza xa espertara interese dentro do continente asiático o pasado ano. De feito, en setembro de 2018, a economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, estivo en Pontevedra na busca de modelos para diversificar a xestión de residuos do país nipón, xa que é un dos máis incineradores do mundo.

O Plan Revitaliza xa espertara interese dentro do continente asiático o pasado ano. De feito, en setembro de 2018, a economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, estivo en Pontevedra na busca de modelos para diversificar a xestión de residuos do país nipón, xa que é un dos máis incineradores do mundo.