A carpa Revitaliza de compostaxe chega esta semana á comarca do Morrazo

O punto informativo estará mañá en Bueu, e seguirá en Moaña e Cangas para dar información, e repartir material divulgativo e plantas


21 outubro 2019
Carpa Revitaliza

Mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra instalarán esta semana a carpa informativa do plan de compostaxe na comarca do Morrazo. Alí darase información sobre a compostaxe á veciñanza, responderanse as dúbidas sobre os centros comunitarios e composteiros individuais e repartirase material divulgativo. Aquelas persoas que o desexen tamén poderán poñer a proba os seus coñecementos, participar nos xogos de preguntas e respostas, e recibir unha planta (herba luisa, macela, romeu, rosmarinus ou semprevivas) para poder fertilizala con compost e comprobar a súa eficacia como fertilizante natural.

Mañá será en Bueu, nas inmediacións da praza de Abastos; o mércores pasará a Moaña, no mercadiño; e o xoves irá a Cangas, á praza do Reló, sempre en horario de 10 a 13 horas. O punto informativo sobre compostaxe do Plan Revitaliza leva xirando pola provincia unhas tres semanas e ata o de agora leva recollido unha grande receptividade. Son moitas as persoas que se achegaron para recibir información e apuntarse nos listados co fin de recibir un composteiro individual ou participar da compostaxe en centros comunitarios.

O persoal técnico explicará todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe para cumprir os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Lembrarán que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía porque a Unión Europea esixirá reciclar o 50 % de todo o lixo en 2020 e compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de maneira obrigada.

A carpa informativa sobre o Revitaliza pretende impulsar a compostaxe en proximidade como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, poñendo de relevo que compostar é dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural.