A carpa do Revitaliza reparte en Bueu máis de 60 quilos de compost entre a veciñanza

O posto informativo sobre compostaxe atendeu hoxe pola mañá a máis de 200 persoas interesadas e recibiu 20 solicitudes de composteiros individuais para casas con horta


03 setembro 2020
Plan Revitaliza

Persoal técnico e mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra instalaron hoxe unha carpa informativa a carón da praza de abastos de Bueu e repartiron máis de 60 quilos de compost producido nos centros de compostaxe comunitaria situados na vila.

Durante o reparto do compost foron moitos as veciñas e veciños que se achegaron co fin de coñecer máis polo miúdo o proceso de compostaxe. Ao final da mañá, de feito, contabilizáronse en máis de 200 as persoas que se interesaran polo tema, facendo 20 delas unha solicitude para dispoñer dun composteiro individual para a súa casa con horta. Alí o persoal técnico explicou que compostar é moi sinxelo, xa que a cidadanía só ten que levar ao composteiro os seus residuos orgánicos e tapalos con restos leñosos e secos, o que se denomina estruturante.

As mestras e mestres responsables do plan de compostaxe en Bueu tamén indicaron que este modelo de xestión do lixo ten moitas vantaxes ambientais e reduce custos económicos para o Concello, posto que os biorresiduos trátanse no mesmo lugar no que se xeran, e polo tanto non é preciso recollelos nin levalos a queimar a Sogama. Así mesmo, as e os mestres composteiros repartiron diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa máis sinxelo (imáns, guías, bolsas).

Segundo explica o persoal da Deputación, todas as persoas que hoxe solicitaron o COIN poderán recollelo proximamente logo dunha charla de formación específica xunto con todo o material necesario (remexedor, termómetro e guía de uso). Para a veciñanza interesada en ter un composteiro en breve aínda quedan oportunidades para preinscribirse. Unha vez a carpa do Revitaliza xa pasou por Bueu e por Moaña, mañá será a última parada na comarca do Morrazo en Cangas, na praza do concello, entre as 10 e as 13 horas.