A carpa do Revitaliza chega ao Val Miñor e a Tui para informar sobre compostaxe e repartir prantas

As mestras composteiras da Deputación estiveron hoxe en Baiona, mañá estarán en Gondomar e o mércores trasladaranse a Tui


07 outubro 2019
Carpa Revitaliza

O punto informativo sobre compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue a súa xira pola provincia e comezará esta semana no Val Miñor e en Tui. Hoxe as mestras e mestres composteiros provinciais instalaron o seu punto informativo no Parque dos Tendais de Baiona, onde repartiron entre a veciñanza que se achegou á carpa para recibir información e aclarar dúbidas sobre compostaxe prantas aromáticas e ornamentais e outros agasallos.

A carpa seguirá mañá a súa xira mañá en Gondomar, diante do Concello en horario de 10 a 13 horas e continuará o mércores en Tui diante dos xulgados. Este evento estase a aproveitar para que veciños e veciñas se apunten para participar nos composteiros comunitarios instalados nos municipios como tamén para entrar na lista de agarda e recibir un composteiro comunitario para a súa vivenda con horta.

Ata agora a carpa está a contar con todo un éxito de participación, incluso con veciños que recollen in situ o composteiro individual para o seu domicilio despois de ter recibido a formación necesaria. Ademais, os que se acheguen ao punto informativo poden levar consigo unha guía de compostaxe, un imán para a neveira (no que se lembran os materiais que se poden botar no composteiro), bolsas ecolóxicas para evitar as plásticas, e outro merchandising.

Nas vindeiras xornadas, tal e como se fixo estes días, o persoal técnico provincial dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e lembrarán que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía para poder cumprir coa normativa europea vixente.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.