A carpa do Revitaliza chega ao Morrazo para informar sobre compostaxe doméstica e comunitaria

Mestras e mestres composteiros da Deputación de Pontevedra estarán mañá mércores en Moaña, o xoves en Bueu, e o venres en Cangas para entregar compost e material divulgativo


01 setembro 2020
Carpa Moaña Revitaliza

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra achegaranse estes días á comarca do Morrazo para falar de compostaxe coa veciñanza. Instalarase unha carpa mañá mércores día 2 de setembro en Moaña, no barrio de Seara, a carón do composteiro comunitario na rúa Concepción Arenal; o xoves día 3 de setembro en Bueu a carón da praza de abastos; e o venres día 4 de setembro en Cangas, na praza do Concello, para informar sobre compostaxe comunitaria e doméstica e entregar compost á veciñanza.

As e os cidadáns que se acheguen poderán resolver dúbidas sobre a xestión dos residuos orgánicos e do resto das fraccións grazas ás explicacións do persoal técnico provincial. A intención é que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e convirte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost. Entre outras das explicacións afondarase sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non.

As persoas asistentes, ademais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, poderán recoller diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…). As persoas que queiran levar unha mostra de compost tamén recibirán indicacións das posibilidades de uso para fertilizar as plantas.

O punto informativo que se achegará ao Morrazo leva percorrendo todos os ‘concellos Revitaliza' da provincia desde o pasado ano. Ata o de agora o interese espertado foi moi alto, tanto no referido á compostaxe individual con composteiros de horta, como á compostaxe comunitaria en zonas de máis densidade de vivendas. De feito, hai zonas nas que hai lista de agarda para poder obter un composteiro individual ou para habilitar centros de compostaxe comunitaria.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.