A carpa do Revitaliza chega a Meis para informar sobre o novo centro comunitario de compostaxe

Mestras e mestres composteiros da Deputación estiveron hoxe na praza da Feira para dar información e consultar dúbidas sobre a instalación que comezará a funcionar en breve


09 decembro 2019
Carpa Revitaliza

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra achegáronse hoxe ao concello de Meis para falar de compostaxe coa veciñanza. A carpa informativa que se instalou na praza da Feira recibiu a ducias de persoas interesadas en facer que o lixo orgánico teña unha nova vida e se converta en compost.

As veciñas e veciños acudiron de forma continua durante toda a mañá e escoitaron as explicacións do persoal técnico provincial sobre como funcionan os centros de compostaxe comunitaria. Tamén resolveron as dúbidas que tiñan, principalmente sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non. As persoas asistentes, ademais, puideron recoller material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…).

O Concello de Meis foi un dos últimos en adherirse ao Revitaliza, pero nestes momentos xa ten en marcha a instalación dun novo centro de compostaxe comunitaria, que se situará no propio campo da feira. De feito, as mestras e mestres composteiros animaron a veciñanza da zona a achegarse ao punto de compostaxe e preguntar cantas veces quixeran as súas inquietudes.

O punto informativo do Revitaliza leva xa varios meses percorrendo a provincia e o interese espertado nos diferentes concellos foi moi alto, tanto no referido á compostaxe individual, con composteiros de horta, coma á compostaxe comunitaria. De feito, hai zonas nas que xa hai lista de agarda para poder obter un composteiro individual ou para solicitar centros de compostaxe comunitaria en máis zonas.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegándolle de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou de envialos a un vertedoiro.