O Revitaliza ante os novos retos normativos

 


O novo marco lexislativo sobre os residuos derivado da normativa europea, a nova lei galega de residuos e solos contaminados, e a lei estatal que está a debate no Estado supoñen unha auténtica revolución que lles obrigará aos gobernos locais a realizar moitos cambios na súa xestión dos residuos.

Os concellos deberán facer fronte a novas esixencias de maneira inmediata:

  • cumprir cos obxectivos de separación e de preparación para a reciclaxe (o 55 % en 2025, o 60 % en 2030, e o 65 % en 2035)
  • elaborar ordenanzas de xestión, de servizo e económicas que cumpran co principio de quen contamina paga e que establezan taxas non deficitarias
  • contar cun corpo de inspección e de control municipal
  • recoller información sobre a xestión dos residuos e trasladarlla á Xunta de Galicia

Para facerlle fronte ás novidades e facilitarlles o cumprimento da normativa, a Deputación facilitaralles aos concellos diferentes medios desde o Revitaliza:

  • liñas de subvencións para instalacións ou instrumentos vencelladas co cumprimento de obxectivos de reciclaxe
  • liñas de axudas para a elaboración de novas normativas de residuos
  • creación dun corpo de inspección de residuos provincial que dea servizo aos municipios
  • xestión para transmitirlle a información sobre os residuos de cada concello á Xunta de Galicia

Podes descargar o arquivo aquí.


Nestes momentos está aberta a fase de adhesión dos concellos que lle queiran facer á Deputación a encomenda da xestión da súa inspección. Os concellos interesados aínda poden poñerse en contacto co servizo do SAIM para tomar parte desta iniciativa.

Nas vindeiras semanas haberá un novo encontro para concretar novos pasos cos concellos adheridos.

Vídeo completo:


VIAXE FORMATIVA

Dezaseis concellos da provincia (Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Mancomunidade do Morrazo -Bueu, Cangas e Moaña-, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas e A Cañiza) participarán na viaxe organizada desde o Servizo de Revitaliza da Deputación de Pontevedra a Navarra, o País Vasco e Cataluña para coñecer e estudar no terreo sistemas de recollida de residuos tipo 'Porta a Porta' (PaP) e 'Pago por Xeración' (PpX) e visitar diferentes instalacións de compostaxe mixta de biorresiduos agrogandeiros e municipais.

A viaxe desenvolverase entre o 22 e o 27 de maio cunha grande intensidade de paradas, charlas e visitas, e a Deputación correrá cos gastos de traslado, aloxamento e manutención. A xeira foi dirixida preferentemente a cargos políticos dos concellos e ao persoal técnico municipal de residuos co obxectivo de que sexa de proveito para tomar decisións coas que cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola nova normativa.

Cabe lembrar que os prazos para cumprir cos obxectivos de reciclaxe están vencidos xa, posto que en xuño de 2023 é obrigado ter preparado para reciclar o 50 % dos residuos, en 2025 esixirase reciclar o 55 %, o 60 % en 2030, e o 65 % en 2035. Os resultados actuais distan moito na realidade, xa que a provincia apenas chega ao 15 %. De feito, os únicos municipios que se aproximaron a cumprir no Estado -con arredor do 40 % de reciclaxe- foron varios concellos Revitaliza (Vilaboa, As Neves, Mondariz e Mondariz-Balneario) que quedaron ás portas polas dificultades de seguir aplicando o programa de compostaxe debido á pandemia da COVID-19.


Podes descargar o arquivo aquí.