Compostaxe comunitaria

A compostaxe comunitaria consiste no aproveitamento para facer compost dos biorresiduos domésticos xerados en varios domicilios ou actividades. O realizan de xeito controlado as mestras e mestres composteiros en centros de compostaxe de uso común situados en recintos abertos ou de acceso libre.

Os centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza están formados por unidades modulares dun metro cúbico dispostas en múltiplos de tres nas que se van desenvolvendo as diferentes fases da compostaxe. A veciñanza debe depositar os seus biorresiduos no módulo de achega, que está indicado cun círculo verde.

Ao carón dos centros comunitarios hai sacos ou caixóns de estruturante para que a cidadanía colla a materia seca coa que tapar os seus biorresiduos.

 

Pantalla Completa

Como composto?

1

Separa ben na casa os biorresiduos

2

Deposita os biorresiduos no módulo de achega do centro de compostaxe comunitaria máis próximo

3

Se trouxeches o teu lixo orgánico nunha bolsa plástica lembra tirala no colector amarelo

4

Cubre os teus biorresiduos dentro do composteiro coa mesma cantidade de estruturante (restos de poda triturada) que atoparás no caixón anexo

5

Pecha a tapa do módulo de achega do composteiro

PRODUTORES SINGULARES

 

O Plan Revitaliza inclúe no tratamento de biorresiduos os produtores singulares, isto é, colectivos, institucións ou empresas que desenvolven actividades que xeran unha importante cantidade de biorresiduos domésticos ou comerciais e integrados no sistema municipal de residuos.

Algúns produtores singulares que están a participar no Plan Revitaliza para xestionar os seus orgánicos a través da compostaxe son a cidade infantil Príncipe Felipe, os comedores universitarios do campus de Pontevedra, o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, a Brilat, o Mercantil, o centro xeriátrico de Vilaboa e varios restaurantes, entre outros.

Estes produtores poden achegar o seu lixo orgánico nos centros de compostaxe comunitaria abertos á cidadanía ou dispoñer de módulos ou centros de compostaxe pechados e destinados unicamente ao seu uso. O proceso para facer o compost é o mesmo que no caso da compostaxe comunitaria.

Centro Príncipe Felipe

Dentro da fase demostrativa do Plan Revitaliza, o centro socioasistencial de Príncipe Felipe –no que hai tres centros de acollida de menores, unha escola infantil, un centro de hostalería, un centro de FP, un centro de Educación Especial e un CEIP– converteuse nun proxecto piloto de compostaxe no que se acadou o chamado "residuo cero" grazas á instalación de varios centros de compostaxe comunitarios.

Todos os residuos orgánicos que se xeran na Cidade Infantil (que equivale a un concello cunha poboación de entre 1.500 e 2.000 persoas) son tratados en dous composteiros, localizados un no interior do recinto e outro nas inmediacións do CIFP Carlos Oroza. Deles non sae ningún resto de comida ou vexetal para o seu tratamento externo. Ademais, a poda de árbores e outros elementos leñosos do centro serven como estruturante para a compostaxe.

Unha das consecuencias da compostaxe en Príncipe Felipe foi a mellora da recollida selectiva das demais fraccións: a separación correcta do lixo orgánico e do resto dos residuos (vidro, papel, plásticos e latas…) está a facerse dun xeito moito máis ordenado, o que permite unha recollida que equivale á porta a porta nun concello.

Trátase do único centro das súas características en todo o Estado español que está a xestionar deste xeito o seu lixo, cumprindo de sobra os parámetros que a Unión Europea marca para 2020 ao acadar o 80 % da reciclaxe de todas as fraccións. Demostrouse así que calquera núcleo de poboación –concello, entidade local, barrio…– pode acadar facilmente o seu obxectivo de utilizar a compostaxe como sistema de xestión.