Concellos

O Plan Revitaliza iniciado en 2015 pretende impulsar un modelo de residuos baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos municipais. A súa razón de ser é que os concellos da provincia cumpran os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a porcentaxes de residuos orgánicos recollidos e aproveitados.

Nestes momentos están adheridos ao Revitaliza en diferentes fases 42 concellos. Seis deles están a traballar para implantar a compostaxe como modelo de xestión de lixo en todo o seu territorio xa de forma avanzada e outros sete acaban de dar o paso para a implantaicón global. O resto de municipios adheridos contan con centros de compostaxe comunitaria e composteiros individuais ou están en proceso para instalalos.

En novembro de 2017 abriuse unha nova quenda de adhesión na que se incorporaron os concellos de Gondomar, Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda e Sanxenxo. Na última fase de adhesión de 2018 incorporáronse os concellos de Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces e decidiron dar o salto á implantación global Illa de Arousa, Bueu, Cangas e Moaña (como mancomunidade), Poio, Ponteareas, Tomiño e Valga

 

FASES

Para poñer a andar o Plan Revitaliza a Deputación abriu unha serie de subvencións e liñas de axudas para os concellos.

FASE I . ETAPA DEMOSTRATIVA

A finais de 2015 a Deputación organizou unha viaxe na que representantes dos concellos da provincia coñeceron como se aplicaba a compostaxe en municipios de Navarra e País Vasco de características e dimensións moi similares ás súas. Este xerme foi fundamental para que os gobernos locais de Pontevedra se apuntasen á compostaxe.

A partir de aí iniciouse unha primeira fase do Plan Revitaliza que permitiu instalar nos concellos máis de 50 centros de compostaxe comunitaria ‘demostrativos': O obxectivo era demostrarlle á veciñanza que a compostaxe tamén podía ser un éxito na provincia de Pontevedra. A Deputación abriu unha liña de subvencións na que participaron 21 concellos aos que se lles cederon máis de medio centro de composteiros comunitarios que a día de hoxe funcionan cos parabéns da veciñanza.

Liñas de axuda compostaxe comunitaria

Príncipe Felipe. Proxecto piloto de compostaxe. 

FASE II. ADHESIÓN E COMPROMISO

Xa demostrado que a compostaxe dos biorresiduos nos concellos da provincia é perfectamente viable, a Deputación de Pontevedra iniciou unha nova fase para facilitarlles aos municipios a súa implantación como sistema global.

Na segunda fase do Plan Revitaliza pediuse aos concellos unha adhesión e compromiso formal para despois beneficiarse de tres liñas de colaboración provinciais: formación de persoal técnico, elaboración dun plan de residuos, e subvención de compra de composteiros e material. En 2017 repartíronse 1.250.000 euros en axudas e en 2018 está aberta unha convocatoria con 2.000.000 de euros.

Adheríronse oficialmente ao Revitaliza en xullo de 2017 Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cuntis, O Grove, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Porriño, Rodeiro, Rosal, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En novembro de 2017 abriuse unha nova quenda de adhesión na que se incorporaron os concellos de Gondomar, Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda e Sanxenxo. Está por resolver unha nova e última quenda de adhesión, en fase de valoración.

Axudas 2017

A liña de axudas económicas tivo en 2017 unha partida de 1.250.000 euros que permitiu subvencionar a compra de composteiros individuais e comunitarios para os concellos que apostaron por implantar de xeito global a compostaxe na totalidade do municipio ( Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, e O Grove) con achegas do 90%.

 

Axudas 2018

A normativa europea establece que antes do ano 2020 é preciso preparar para reciclar e reutilizar o 50% dos residuos municipais, e a próxima lei estatal obrigará a compostar ou recoller o 100% dos biorresiduos previsiblemente no 2020. Ante estas novidades, a Deputación abriu unha nova liña de actuación en 2018, na que os concellos poderán aplicar a compostaxe de xeito gradual e/ou por zonas dentro dos seus municipios.

  • Económicas

As axudas económicas da nova convocatoria, aínda en fase de valoración, chegarán aos 2.000.000 euros e roldarán o 65% do gasto municipal.

  • Material

A Deputación está a repartir novos módulos de centros de compostaxe comunitaria (400) e tamén composteiros individuais (1.200) nos concellos adheridos. Tamén se prevé repartir composteiros de terraza ou balcón.

  • Persoal

A Deputación tamén subvenciona a contratación de persoal en réxime interino por execución de programa nos Concellos para dar servizo aos centros de compostaxe.

Bases (BOPPO 26/04/2018)

 

 

  • Elección de proxectos para o seguimento da compostaxe individual no ámbito territorial do Concello de Pontevedra

O prazo para a presentación dos proxectos será de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra