Zero Waste difundirá por toda Europa o Plan Revitaliza

O responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitará Pontevedra para estudar o caso e escribir un informe


01 marzo 2019
grupo de Zero Waste Europe cando o Plan Revitaliza foi cualificado como ‘experiencia relevante'

A axencia europea ‘Zero Waste Europe', entidade oficiosa que traballa da man da Comisión Europea no ámbito do Medio Ambiente, vén de propoñer que o Plan Revitaliza sexa o protagonista dun ‘estudo de caso' sobre a compostaxe como modelo de xestión de residuos na provincia para publicar un informe que terá difusión por toda Europa. O responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitará Pontevedra os vindeiros luns e martes próximos co fin de coñecer de primeira man o traballo realizado nos concellos pontevedreses para logo escribir o estudo técnico.

Segundo explica o vicepresidente Mosquera, Pierre Condamine, responsable de políticas de residuos de  Zero  Waste  Europe púxose en contacto hai máis dun mes co persoal técnico do Plan Revitaliza para poder poñer en marcha a iniciativa. A proposta, ao seu entender, supón un recoñecemento de grande potencia ao traballo realizado pola Deputación de Pontevedra para fomentar o tratamento de biorresiduos a través da compostaxe de proximidade, mediante centros de compostaxe comunitaria, composteiros individuais e futuras pequenas plantas de tratamento.

O Revitaliza xa fora seleccionado hai meses como ‘experiencia ambiental relevante', valoración a nivel europeo que implicaba que a institución provincial debe o seu plan de compostaxe en Bruxelas, na Dirección Xeral 11 de Medio Ambiente. Entón,  ‘Zero Waste Europe' presentou o listado dos proxecto ambientais que consideraron máis relevantes dentro de cada un dos países do espazo europeo. En cada estado escolleuse unha única proposta ambiental relevante dentro do ámbito ambiental -entendido de maneira xenérica-: tanto podían ser seleccionadas propostas sobre conservación de especies e hábitats, de redución de CO2 e loita contra o cambio climático, de xestión de augas ou relativas a impactos varios no territorio. No caso español a experiencia con maior consideración por diante de todo o resto foi a do Plan Revitaliza sobre xestión de residuos.

O Plan Revitaliza está a levantar unha grande expectación en xeral dentro do Estado Español, xa que os técnicos provinciais están a difundir o modelo Revitaliza en moitas localidades (Valencia, Cataluña, Madrid, Extremadura, Galicia…), e tamén está a recibir visitas de representantes de deputacións, concellos e outras administracións relacionadas cos residuos. Así mesmo, o Ministerio de Medio Ambiente está a utilizar o Plan Revitaliza como referente na nova lexislación na materia. Co ‘estudo de caso' e a publicación do informe da axencia ‘Zero Waste Europe' en Europa a proxección do Plan Revitaliza mantén o seu recoñemento internacional, do que xa houbo exemplos en países asiáticos, americanos e africanos.