Redondela reparte un novo lote de composteiros individuais do Plan Revitaliza

Persoal técnico de Deputación realizará este venres e o martes unha reunión de formación para que a veciñanza se estree no programa de compostaxe


27 novembro 2019
Reparto de COINs

O Concello de Redondela repartirá este venres e o vindeiro martes un novo lote de composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación entre a veciñanza que dispón dunha casa con horta nos arredores do núcleo e na zona de Chapela. O obxectivo é que traten os biorresiduos (restos de comida e vexetais) ‘in situ' nos seus propios composteiros en lugar de botalos no colector verde.

Para comezar o reparto realizarase unha reunión de formación o vindeiro venres, ás 19.30 horas, no multiusos do Piñeiral. Alí, os veciños e veciñas aprenderán como compostar no seu domicilio e recibirán todos os elementos necesarios para facer compost: un composteiro individual (COIN) de 300 litros, un manual de compostaxe, un remexedeor,  e un termómetro. A segunda charla de formación e o conseguido reparto será en Chapela, o vindeiro martes ás 11 da mañá, no Multiusos da Xunqueira.

Na formación estarán presentes representantes do Concello, e persoal técnico da Deputación (mestres e mestras composteiras), que  serán os encargados da explicación á veciñanza e do acompañamento técnico personalizado. A intención é explicar todo o proceso da dende que o lixo se deposita no composteiro ata que se produce o compost, e como este modelo de xestión fai que ademais se melloren as taxas de reciclaxe de outras fraccións.

A veciñanza da zona que queira recoller os seu composteiro deberá poñerse antes, de maneira imprescindible, co servizo de medio ambiente do Concello. A intención é convocar progresivamente a toda a poboación do municipio por grupos, de forma que a formación sexa personalizada e se estableza unha dinámica interactiva co persoal formador.

Fotos