Pierre Condamine: "o Revitaliza é unha boa práctica trasladable a outras cidades e rexións europeas"

O responsable de políticas de residuos da entidade Zero Waste destacou que os datos demostran que compostar os biorresiduos en proximidade supón un modelo máis económico que a incineración


05 marzo 2019
Pierre Condamine:

O responsable de políticas de residuos de  Zero Waste Europe, Pierre Condamine, asegurou hoxe que o Revitaliza é un modelo trasladable a moitas outras cidades e rexións europeas co beneficio de ser mellor para o medio ambiente e tamén máis económico que a incineración. Condomine realizou estas declaracións logo de reunirse co vicepresidente da Deputación César Mosquera e de visitar persoalmente os centros de compostaxe comunitaria de Vilaboa e Pontevedra, ademais de manter varios encontros de traballo técnico nos que coñeceu as plataformas de traballo do plan provincial e tamén ao persoal técnico que controla o proceso de compostaxe na provincia.

Condomine explicou que Zero Waste é unha entidade que traballa a nivel europeo na busca de "boas prácticas" no tratamento de residuos para despois realizar ‘estudios de caso' e difundilas e promocionalas polo resto de Europa. Subliñou que en Pontevedra hai unha boa estratexia de tratamento da parte orgánica do lixo, que é a máis grande do ‘lixo mixto' que vai á incineradora e que hai que reducir. "Non é lóxico incinerar os residuos orgánicos, e aquí en Pontevedra realízase un tratamento local que permite pechar o círculo", salientou.

O representante de Zero Waste salientou que o programa provincial manexa moitos datos, coñecemento e traballo que demostran que o modelo é rendible economicamente. Segundo dixo, "aquí cos datos vese que o tratamento dos biorresiduos mediante a compostaxe en proximidade é máis barato que a incineración e tamén mellor para o medio ambiente", polo que podería estenderse por toda Europa.

Neste sentido, destacou que a pesares de que existen outras experiencias de compostaxe a nivel europeo, nin son tan extensivas nin están tan desenvolvidas de forma profesional. "Aquí preténdese que a compostaxe sexa obrigatoria en toda a provincia. En Europa hai outras experiencias similares, por exemplo, en Bruxelas, mais aquí é a Deputación a que fai o traballo, alá é máis voluntario: é unha asociación coa axuda da cidade a que o pon en marcha", subliñou.

Ante a pregunta de se é posible exportar o modelo Revitaliza, Condomine contestou afirmativamente, asegurando que a compostaxe de proximidade pódese aplicar en cidades e rexións similares, con poboación rural e dispersa. "Queremos demostrar que o que aquí se fai pode facerse noutras rexións", sentenzou.

De forma máis concreta, Pierre Condomine mostrouse moi sorprendido pola APP coa que os mestres e mestras composteiras traballan diariamente para controlar a trazabilidade do compost nos diferentes centros de compostaxe da provincia, e onde se recollen e gardan diariamente parámetros e resultados de medicións de temperatura, enchido, trasfegas e outros datos que permiten garantir a calidade do compost final.

Outra das cuestións que tamén interesou Condomine foi o uso de estruturante, un elemento diferencial do proceso do Plan Revitaliza, xa que a diferencia doutros procesos de compostaxe, mistúrase unha parte vexetal seca cos biorresiduos domiciliarios.

Traslado á Comisión Europea

Unha vez feito o traballo de campo e coñecidos todos os elementos singulares e diferenciadores do Revitaliza, Pierre Condomine terá que redactar un informe para a súa difusión na páxina web de Zero Waste e o seu traslado á Dirección Xeral 11 da Comisión Europea (Medio Ambiente).

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera agradeceu a visita de Condomine lembrando que no seu momento o Revitaliza fora recoñecido como ‘experiencia relevante' en Bruxelas e estaba pendente unha visita de persoal técnico para a súa supervisión. "Unha vez o responsable de Zero Waste ten os datos de maneira directa redactará o seu informe sobre a experiencia pontevedresa para dar a coñecer na UE con datos concretos e como unha autoridade independente, non con información sesgada", subliñou.

Mosquera tamén indicou a Condomine que a Deputación de Pontevedra decidiu hai catro anos impulsar o plan de compostaxe provincial nun momento no que xa había suficiente información e coñecemento para adoptar unha solución de éxito. Destacou que previamente acumuláranse sucesivos fracasos con experiencias internacionais e tamén estatais que facían que a "non acción pola nosa parte, por exemplo no Concello de Pontevedra, fose premeditada. Finalmente analizando a evolución parecía que había garantías e solidez, porque o plan non se podía poñer en marcha só con boa vontade", dixo.