Novas relacionadas

A Deputación garante a "xestión segura" dos centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza durante a crise da COVID-19

Nos composteiros instaláronse as recomendacións e precaucións de uso que, coma noutros ámbitos, pasan por extremar a hixiene


25 marzo 2020
CCC

Os centros de compostaxe comunitaria (CCC) en uso na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza considéranse como de "xestión segura", pero deberanse manter sempre as precaucións de uso. Así o indica hoxe a Deputación de Pontevedra nun documento no que se lle facilitan á cidadanía as indicacións de como tratar o lixo nos domicilios durante a crise sanitaria da COVID-19.

Así mesmo, o departamento que xestiona o Revitaliza colocou en todos os centros de compostaxe comunitaria as recomendacións para evitar posibles contaminacións cruzadas, xa que o sistema da compostaxe, por si mesmo, ten máis garantías que os sistemas tradicionais para eliminar o virus. Desde o punto de vista técnico, o asesor Carlos Pérez explica que os virus non soportan temperaturas maiores de 42 ºC (xa que morren nesas condicións) e, no caso dos centros de compostaxe, alcánzanse temperaturas maiores a 55 ºC sostidas no tempo.

As recomendacións de uso dos CCC para evitar as contaminacións cruzadas encáixanse nas medidas xenéricas á hora de interactuar nos espazos públicos: gardar dous metros de distancia co resto das persoas; usar luvas dun só uso e lavar periodicamente as mans; non tocar nariz, boca e ollos, e extremar a hixiene en xeral.

Como xa se anunciou coa declaración do estado de alarma, a Deputación de Pontevedra está a manter en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria directamente dependentes do Plan Revitaliza, xa que supoñen un servizo básico e esencial, aínda que particular e diferenciado con respecto a outras localidades. Co fin de garantir a súa correcta actividade, estes CCC estanse a vixiar e xestionar de forma diaria por parte das mestras e mestres composteiros e do persoal técnico responsable de cada zona.

En total, están atendidos pola Deputación 80 CCC pertencentes aos concellos de Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía de Arousa (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas de Reis (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz-Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).

Para o caso de concellos con CCC non dependentes da Deputación, a institución provincial aconsellou que se manteñan abertos e atendidos para seguir garantíndolle o servizo á poboación, aínda que sexa con servizos mínimos.

No caso dos composteiros individuais instalados dentro da propiedade particular das persoas usuarias, o Revitaliza está a realizar o seguimento por vía telefónica e a realizar as actividades presenciais imprescindibles. Nestes casos, segundo explican as e os especialistas, as recomendacións son seguir os criterios habituais sempre que non se detecten casos positivos de coronavirus.

En relación co manexo domiciliario de residuos de persoas afectadas pola COVID-19, desde a Deputación ínstase a seguir as directrices ao respecto contidas nos puntos 1 e 2 do anexo da Orde SND/271/2020, que se basean nunha instrución anterior editada polo MITECO días atrás. Estas explican que os residuos de persoas enfermas débense recoller de maneira conxunta, sen separación para a reciclaxe, nunha bolsa plástica que despois deberá ser introducida nunha segunda bolsa pola persoa coidadora con luvas e máscara. Posteriormente, ese material debe introducirse nunha terceira bolsa co resto do lixo xeral do domicilio e depositarse finalmente no colector da fracción resto.