O Plan Revitaliza da Deputación achega outros 300 composteiros individuais ás familias de Riomaior en Vilaboa

Mañá mércores e pasado xoves, ás 20 horas, impartiranse novas charlas de formación na Casa da Cultura


10 xullo 2018
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra repartirá entre mañá mércores e pasado xoves outros 300 composteiros individuais entre familias da parroquia de Riomaior no Concello de Vilaboa. A entrega dos composteiros xunto co material complementario e a charla de formación para a veciñanza realizarase ámbolos días, ás oito da tarde, na Casa da Cultura de Riomaior.
 
Con esta nova entrega de composteiros o Concello de Vilaboa continúa co seu plan de aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo dentro do municipio coa intención de que toda a poboación composte os seus biorresiduos antes de que finalice o ano. Os composteiros repartiranse semanalmente ata chegar á cifra de 1.600, o que dará cobertura a toda a veciñanza, tendo en conta que tamén se instalarán novos centros de compostaxe comunitaria que darán servizo a zonas máis densas e a grandes produtores. Ata o de agora están semicubertas as zonas de Bértola, Figueirido e O Toural.
 
Como xa se dixo en varias ocasións, o Concello de Vilaboa será un dos primeiros en todo o Estado español que cumprirá a tempo a nova normativa de residuos, que obrigará a que no ano 2020 todo o lixo orgánico se composte ou se recolla de xeito separado. Este paso a un novo modelo de xestión de residuos será moi sinxelo e economicamente asumible para as arcas locais xa que a Deputación acaba de aportar o 90 % do custo. Hai que lembrar, así mesmo, que a día de hoxe o gasto do Concello na recollida e tratamento do lixo precisa un terzo de todos os ingresos municipais.
 
A cidadanía convocada á reunión de mañá e pasado recibirá un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Tamén recibirá información sobre o funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante, e tamén como funciona o servizo de préstamo de trituradoras domésticas.