Novas relacionadas

A Deputación de Pontevedra recibe a unha delegación da Illa de Príncipe para formarse en compostaxe ao abeiro do Revitaliza

A presidenta, o vicepresidente e o deputado delegado reciben hoxe unha visita institucional da directora rexional do Medio Ambiente e Conservación da Natureza da illa africana


07 setembro 2020
Illa Príncipe

A Deputación de Pontevedra vai formar nos dous próximos meses a unha delegación da illa africana de Príncipe ao abeiro do programa Revitaliza de compostaxe. Deste xeito cumprise un compromiso adquirido o pasado ano co presidente, José Cardoso Dos Ramos Cassandra, quen confirmara que ía replicar o modelo de xestión pontevedrés no seu territorio.

Na xornada de mañá a presidenta, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, o deputado delegado do Revitaliza, Uxío Benítez, o asesor de residuos Carlos Pérez e a técnica María Martínez Abraldes realizarán unha recepción institucional á responsable política que acompaña ao grupo, a directora rexional de Medio Ambiente e Conservación da Natureza, María José Praceres. Con ela chegarán outras catro persoas que serán as que recibirán a formación tanto teórica como práctica do persoal do Revitaliza nos diferentes concellos da provincia que están adheridos ao modelo de compostaxe.

A estadía desta delegación prolongarase durante dous meses ata que as persoas visitantes acaden a formación necesaria para ocuparse da xestión técnica dos centros de compostaxe na propia illa. Ata entón, e por un acordo entre as institucións de ambos países, estas persoas aloxaranse na Cidade Infantil Príncipe Felipe.

As relacións entre a Deputación e Illa de Príncipe están totalmente consolidadas. En marzo do pasado ano o presidente Cassandra realizou unha visita a Pontevedra para coñecer in situ o modelo da Deputación. Desde entón os contactos foron constantes, achegando a institución provincial tanto o coñecemento previo requirido como incluso materiais para o arranque da compostaxe na illa. En xaneiro deste ano o asesor científico e coordinador da Reserva da Biosfera da Unesco, António Abreu, visitou Pontevedra para concretar a implementación e o calendario da adaptación do Revitaliza á illa africana de Príncipe co fin de que o plan estivera operativo in situ antes de final de ano, algo foi demorado por mor da COVID-19.

Ata o de agora, a Deputación colaborou co goberno rexional africano á hora de deseñar o seu programa particular aportando o coñecemento. A meirande parte dos fondos para a posta en marcha do plan, ademais dos achegados polo propio goberno rexional, proceden dun programa internacional do Goberno francés para o desenvolvemento e sustentabilidade de pequenas illas (Small Islands Organization-SMILO).