Éxito na posta en marcha do centro de compostaxe comunitaria da Casa da Xuventude en As Neves

O persoal técnico do Revitaliza explicou o funcionamento do composteiro á veciñanza, moi receptiva e interesada na posibilidade de utilizar o compost producido


14 marzo 2019
CCC en As Neves

O novo centro de compostaxe comunitaria situado á beira da Casa da Xuventude de As Neves xa funciona a pleno rendemento. Na tarde de onte o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra realizou, con éxito de convocatoria, unha charla informativa entre a veciñanza da zona para explicar o funcionamento e como achegar o lixo orgánico, e no día de hoxe xa apareceron bastantes aportacións de biorresiduos.

Segundo explican as mestras e mestres composteiros, todas as veciñas e veciños que acudiron á convocatoria mostráronse moi receptivos ante o novo modelo de xestión do lixo. Explicouse como achegar os restos de comida e vexetais do lixo doméstico e fixéronse prácticas coa materia que trouxeron dúas persoas, botando os restos dentro do módulo aberto e tapándoos con estruturante.

A maior parte dos participantes, que acudiron en varias quendas, manifestaron a súa satisfacción polo fácil e sinxelo que é compostar, e tamén subliñaron os beneficios e a mellora ambiental deste modelo de xestión do lixo.  Por outra banda, manifestaron moita sorpresa ao coñecer o custe real do sistema actual de recollida dos colectores e do seu posterior tratamento, que rolda unha media de 120 euros por familia ao ano, se ben a taxa do lixo é sensiblemente inferior na maior parte dos concellos da provincia.

As preguntas máis frecuentes que tivo que responder o persoal técnico foron relativas a posibles cheiros, á necesidade de tapar o lixo con estruturante, e a quen se vai ocupar da xestión dos composteiros. Os mestres e mestras composteiros explicaron que os malos olores non se producen nunca cando hai un seguimento e control por parte deles, xa que se encargan de vixiar os niveles de enchido, de se a mestura entre o lixo e o estruturante é a correcta, de facer os remexidos correspondentes, de tomar as temperaturas para garantir que o compost se hixieniza, e de facer as trasfegas dos materiais entre os módulos de maduración. Ante as explicacións, os asistentes aplaudiron que a compostaxe sexa un proceso controlado por profesionais e que haxa sempre unha figura técnica á que acudir se hai dúbidas ou problemas de calquera tipo.

Finalmente, houbo moito interese sobre o aproveitamento do produto final: o compost. Este estará a disposición da veciñanza que participa na compostaxe, que poderá levalo para usar en hortas e macetas solicitándollo á mestra ou mestre composteiro.  Tamén houbo preguntas sobre as datas de reparto de composteiros invididuais para vivendas con horta.

Ademais desta charla para a veciñanza, o persoal técnico do Plan Revitaliza realizou durante os días previos un traballo de información porta a porta para explicar todo sobre a compostaxe. Repartíronse tamén pequenos caldeiros para separar máis facilmente os residuos orgánicos nos domicilios.

O centro de compostaxe comunitaria da Casa da Xuventude está dimensionado para atender a toda a cidadanía dun radio duns 150 metros, é dicir, ás persoas que viven nas 77 vivendas máis próximas, ademais de asumir os incrementos poboacionais que se poidan producir por vacacións ou por novos habitantes.

As seguintes postas en marcha de composteiros comunitarios en As Neves serán o xoves 21 de marzo ás 18.30 horas nas inmediacións do centro de compostaxe da rúa Marquesa do Pazo, e o mércores 27 –á mesma hora- no composteiro situado no aparcadoiro anexo ao cemiterio.

O Concello de As Neves recibiu da Deputación unha subvención de 298.386 euros para desenvolver o Plan Revitaliza (o 87,06% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios), ademais dun investimento de 92.430 euros para o convenio coa asociación ecoloxista Adega, co fin de prestar apoio á veciñanza na compostaxe individual e facer seguimento dos composteiros para garantir a calidade do compost que se produce.