Escolares do CEIP Santa Mariña de Redondela coñecen os bechos que axudan na compostaxe

Rapazas e rapaces do centro de ensino realizaron xogos e obradoiros sobre compostaxe, puxeron en marcha o seu propio composteiro, e visitaron o centro comunitario instalado pola Deputación na vila


20 febreiro 2019
CEIP Santa Mariña de Redondela

‘Quen vive aí?' é o título da actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza na que estes días están a participar os escolares do CEIP Santa Mariña de Redondela. As pequenas e os pequenos descubriron a 'vida interior' dos composteiros e dos centros de compostaxe identificando os bechos que habitan neles e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos do lixo, sendo unha parte fundamental do proceso para obter un bo compost.

A identificación dos vermes por parte do alumnado realizouse grazas a varias mostras de compost con diferentes estados de maduración que as e os monitores do CEIDA achegaron ata o centro. Alí, as nenas e nenos puideron estudar os tipos de bechos (anélidos, colémbolos, pseudoescorpións, coleópteros…) colléndoos eles mesmos incluso coas mans e observándoos con material de aumento.

As e os escolares do CEIP Santa Mariña de Redondela veñen participando desde o mes de xaneiro nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender de xeito lúdico en que consiste a compostaxe. Para o alumnado maior realizouse a charla ‘A voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. As e os máis pequenos (1º e 2º) participaron nos diferentes xogos programados, entre os que destacou o ‘Xogo da miñoca', unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolveron preguntas sobre como acadar un bo compost. Despois, todas as rapazas e rapaces recibiron información sobre como se pon en marcha un composteiro no propio centro escolar e, finalmente realizaron unha visita a un centro de compostaxe comunitaria que a Deputación instalou en Redondela na que as e os mestres composteiros responsables explicaron o funcionamento e os materiais que se poden botar no interior para acabar convertidos en fertilizante natural.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.