César Mosquera: "en dous ou tres anos a compostaxe vai ser explosiva, mundial"

A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente da Deputación e o director do CEIDA presidiron hoxe un seminario internacional sobre os ‘Desafíos na xestión ambiental dos residuos'


22 marzo 2019
Seminario Revitaliza

A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Revitaliza, celebrou hoxe un seminario internacional sobre os ‘Desafíos na xestión ambiental dos biorresiduos' no que se debateu sobre a evolución mundial das estratexias de tratamento do lixo baseadas na economía circular. A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente Mosquera, e o director do Ceida Carlos Vales presidiron a xornada, á que asistiron máis dun cento de especialistas, persoal técnico e municipal de concellos de toda Galiza, e na que participaron como relatores o consultor Ramón Plana e representantes dos gobernos de Illa do Príncipe e da Universidade de São Paulo.

Na súa intervención, o vicepresidente Mosquera destacou que nun prazo de dous ou tres anos a compostaxe vai ser un modelo "mundial" que se estenderá de maneira "explosiva" pola necesidade de cambiar os sistemas de tratamento actuais por outros medioambientalmente sostibles. Subliñou, de feito, que o Revitaliza é un dos modelos de xestión máis avanzados, se ben o cualificou de "contracultural", xa que supón "unha solución de alto coñecemento e alta cualificación para un problema complexo nun momento no que a sociedade pide respostas ‘simplonas'".

O vicepresidente destacou que o Revitaliza pretende cambiar a cultura do lixo, reconstruíndo o hábito de reutilizar ou reciclar aquilo que deixa de ser útil en lugar de "tirar todo ao colector porque alguén o leva". "Ese cambio precisa dunha cualificación técnica e facelo persoa a persoa, casa por casa, o que leva moito tempo, pero aínda así aquí estamos a facelo de maneira rapidísima", subliñou. Insistiu en que "demostramos que cando nos poñemos con seriedade a facer as cousas somos quen de facer un plan que é o máis avanzado do mundo".

No acto de apertura a presidenta Carmela Silva destacou que "a grande prioridade política a día de hoxe debe ser a preservación do medio ambiente" e subliñou que "é un orgullo" que a Deputación aposte por un modelo "valente, arriscado, pero que permite transformar o espazo no que ten responsabilidades" como é a compostaxe en proximidade. "A provincia precisaba dun proxecto innovador e o Revitaliza é a historia dun éxito que ten que ir consolidándose. Está claro que somos unha institución innovadora e comprometida coa contorna", finalizou.

Relatorio marco

O consultor Ramón Plana, experto en tratamentos biolóxicos de residuos orgánicos, foi o responsable do relatorio marco da xornada. Fixo un percorrido pola situación mundial no relativo ao lixo e asegurou que de forma anual xéranse 2.017.000.000 toneladas de residuos en todo o planeta, sendo practicamente a totalidade da xestión por vertido directo e unha moi pequena parte por compostaxe, unha situación que deberá reverter en pouco espazo de tempo.

Na Unión Europea, explicou Plana, xéranse arredor de cen millóns de toneladas de biorresiduos (restos de comida e vexetais) ao ano, se ben só se trata por compostaxe o 17% cando a cifra debería ser moito máis alta, xa que a lexislación actual marca o 2023 como data límite para que o 100% da fracción orgánica se recolla separada e se trate mediante técnicas sustentables. Fixo tamén un percorrido pola situación dos países máis avanzados (centroeuropa, norte de Italia, ou Francia, entre outros) destacando o Plan Revitaliza como unha das experiencias punteiras.

No caso do Estado español as cifras dadas por Plana son aínda menos alentadoras que na media europea: a pesares de que os datos do Eurostat indican que se fai compostaxe do 15% dos biorresiduos, apenas se chega a un 0,8% "real". Ante esta situación, dixo, o traballo das administracións deberá ser máis fondo e rápido para cumprir a normativa en tempo.

Plana tamén desmontou o mito do "excedente" da produción de compost e dos seus posibles usos. Asegurou que, de recollerse de xeito separado e compostar a totalidade dos 100 millóns de toneladas de biorresiduos que se xeran nos 28 países da Unión Europea nun ano, o compost producido apenas chegaría para fertilizar o 1,7% da superficie agraria útil.

Experiencias en Illa do Príncipe e Brasil

A última parte do seminario internacional celebrado hoxe na Deputación tivo como protagonistas aos representantes da comitiva de Illa do Príncipe e Brasil que foran recibidos na Deputación no día de onte: o presidente e a responsable de Ambiente da illa africana e profesorado da Universidade de São Paulo.

No caso de Illa do Príncipe explicouse o programa ‘Plástico Zero' para librar o territorio destes residuos a través da reciclaxe, da promoción de uso de elementos biodegradables (como garrafas de auga), así como da aplicación dunha lexislación fiscal que taxa a importación do plástico cara a rexión.

A secretaria do Ambiente, Ana Alice Prazeres da Mata, explicou tamén que existen proxectos piloto de compostaxe liderados por un grupo de mulleres que puxeron en marcha unha cooperativa e fan aproveitamento dos residuos orgánicos para producir compost e obter unha renda económica. Destacou, neste sentido, que o goberno de Príncipe pretende "apropiarse e adaptar" a experiencia do Revitaliza para aplicala no seu territorio de xeito extensivo.

Finalmente, os representantes da Universidade de São Paulo explicaron os proxectos de xestión de residuos sólidos no Brasil e a experiencia universitaria de tratamento de lixo en marcha dende o ano 1994. O profesor Carlos Sorrentino fixo tamén un alegato "por unha nova cultura da terra e do territorio", asegurando que é precisa unha "utopía ecolóxica, realista e democrática que fomente a boa vida da cidadanía, e que esixe rebelións e acción directa como acontece en Pontevedra co Revitaliza".

Fotos