A rapazada de Barrantes, mestres e mestras composteiras do Plan Revitaliza por un día

Uns 25 nenos e nenas do campus de verán da Escola de Música visitaron o centro de compostaxe comunitaria e levaron mostras de compost para a casa


23 xullo 2019
A rapazada de Barrantes, mestres e mestras composteiras por un día

A rapazada do concello de Ribadumia volveu hoxe a facer unha nova incursión na compostaxe da man de tres mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación. Uns 25 nenos e nenas do campus de verán da Escola de Música participaron nun obradoiro e visitaron o centro de compostaxe comunitaria situado na avenida Bouza Marín, en Barrantes, onde as técnicas provinciais explicaron todo o proceso que vai dende que os residuos chegan ao composteiro ata que se saca o compost.

As mestras composteiras amosaron ás cativas e cativos como deben separar os residuos orgánicos (vexetais, peixe e carne) na casa, tanto cociñados como sen cociñar, para despois botalos no composteiro e cubrilos con estruturante. Dende ese momento, indicaron as mestras, é o persoal técnico o que controla que todo o proceso saia correctamente, vixiando a temperatura, a humidade e moitos outros parámetros, así como facendo trasfegas entre os módulos do composteiro para que o material madure correctamente.

Despois, nenas e nenos metéronse no papel dos mestres e mestras composteiras, xa que eles mesmos puideron medir as temperaturas coas sondas profesionais das técnicas e axudar no remexido e na criba do compost, interactuando cos materiais e tamén cos pequenos microorganismos que están dentro do composteiro. Finalmente puideron levar unha mostra de compost para a casa.

Boa parte das pequenas e pequenos que participaron na iniciativa estaban xa familiarizados coa compostaxe, xa que a maioría das súas familias achegan o lixo orgánico no centro comunitario, e outros participaron nas charlas e actividades que a Deputación organiza nos colexios da man do CEIDA durante o curso escolar. Foi por ese motivo que foron moi activos en todo momento e fixeron moitas preguntas concretas sobre cousas das que tiñan dúbidas, como por exemplo se era posible botar cunchas de mexillón ou cascas de ovos nos composteiros, algo ao que as  mestras explicaron que si, xa que aínda que tardan máis en compostar que outros materiais acaban converténdose en compost.

Segundo explica a mestra composteira Silvia Torres esta actividade ao abeiro do Plan Revitaliza é a continuación de obradoiros que xa se realizaron no verán pasado dentro da ludoteca de verán, co obxectivo de que a rapazada e a xente moza sexa dinamizadora e impulsora da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable.