A Deputación selecciona persoal para unha bolsa de emprego de mestras e mestres composteiros en prácticas dentro do Plan Revitaliza

O vicepresidente Mosquera explica que a convocatoria cubrirase por concorrencia competitiva segundo as bases que publicará mañá o BOPPO


04 abril 2019
Examen Mecos

 A Deputación de Pontevedra vai iniciar un proceso de selección de persoal para crear unha bolsa de emprego de mestras e mestres composteiros en prácticas ao abeiro do Plan Revitaliza. O vicepresidente César Mosquera explica que a convocatoria para a bolsa, que terá 40 prazas, cubrirase por concorrencia competitiva segundo as bases que publicará mañá o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Segundo explica Mosquera, o proceso de selección do novo persoal para xestionar os centros de compostaxe comunitaria que están instalados na provincia desenvolverase en tres fases: unha primeira cun exercicio tipo test, de carácter obrigatorio e eliminatorio sobre residuos orgánicos de orixe doméstica e a organización e funcionamento de concellos e deputacións; una segunda consistente nunha entrevista persoal obrigatoria pero non eliminatoria; e unha terceira que consistirá na superación dun ‘Curso de Formación de Maestría en Compostaxe' organizado pola Universidade de Vigo no que se deu en chamar a ‘Facultade da compostaxe' durante un prazo de seis semanas.

A previsión provincial é realizar 20 contratos en prácticas a partir do mes de xuño de 2019, quedando o resto de persoas formadas na bolsa de emprego para ir atendendo posteriormente as necesidades do plan provincial de compostaxe.  A duración dos contratos en prácticas será dun ano prorrogable a outro ata un máximo de dous exercicios, cunha retribución no primeiro ano do 60% do salario do grupo C1 da Deputación (1.092,77 euros/mes brutos) e do 75% o segundo (1.365,96 euros/mes brutos).

As persoas aspirantes deberán estar en posesión do título de Formación Profesional de grao superior como persoal técnico en Xestión Forestal e do Medio Natural, Paisaxismo e Medio Rural, Laboratorio de Análises e Control de Calidade, Educación e Control Ambiental, Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, ou Química Ambiental, sendo requisito que non transcorresen máis de cinco anos dende a terminación dos estudos.

O prazo de presentación das solicitudes para participar na convocatoria de selección para a bolsa de emprego é de dez días naturais contados desde o día seguinte ao publicación da convocatoria no BOPPO, prevista para mañá venres, polo que o día 15 de abril será o derradeiro.

Figuras fundamentais

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza son un dos piares básicos do programa provincial, xa que a formación e tecnificación para controlar a xestión dos centros de compostaxe é o que está a garantir a calidade do compost que se produce e que non existan complicacións durante o proceso.

Ata o de agora, a Deputación de Pontevedra formou na Facultade da Compostaxe a 33 persoas bolseiras que desenvolveron un traballo fundamental para o bo funcionamento do Plan Revitaliza e que finalizaron a súa bolsa entre xuño de 2017 e outubro de 2018. Na actualidade continúa a formación –grazas a bolsas- doutros 20 mestres e mestras composteiras, que traballan da man do persoal técnico interino propio do Revitaliza, un staff de seis técnicas e técnicos de xestión e 12 mestras e mestres composteiras.

En relación aos centros de compostaxe comunitaria, a Deputación xa ten instalados en 31 concellos da provincia un total de 95 con 695 unidades modulares de compostaxe  con capacidades unitarias para tratar o lixo orgánico producido por entre 60 e 300 persoas, que funcionan perfectamente e contan con todos os parabéns das veciñas e veciños que participan no proceso.

A compostaxe comunitaria dos residuos domésticos de orixe orgánica é un proceso sinxelo que permite xestionar este tipo de residuos nas zonas próximas ao seu punto de xeración. Nestes momentos, as obrigas legais esixen separar para a reciclaxe e reutilización o 50% dos residuos municipais, algo que non é posible de non tratar os biorresiduos, ademais de que no 2020 esixirase a recollida e tratamento por separado do 100% da fracción orgánica. Todas estas esixencias non se cumprirán se non se comezan a dar pasos firmes e decididos para cumprir o obxectivo.