Novas relacionadas

A fundación chinesa que visitou Pontevedra para coñecer o Revitaliza envía á Deputación de Pontevedra unha doazón de máscaras, pantallas e traxes de protección

A presidenta e o vicepresidente agradeceron a preocupación e esforzo por colaborar que a Vanke Foundation amosou desde a chegada da pandemia a Pontevedra


04 xuño 2020
Material contra a COVID-19 doada pola fundación chinesa

A Vanque Foundation, fundación chinesa que visitou Pontevedra en outubro do ano pasado para coñecer ‘in situ' o funcionamento do Plan Revitaliza, acaba de enviar á Deputación de Pontevedra unha doazón de material de protección fronte ao coronavirus que chegou hoxe ao Pazo provincial. A doazón –formada por 2.800 máscaras de protección KN95, 2.000 pantallas faciais, así como 90 traxes de protección médica– foi enviada desde China ata Madrid e entregada na cidade do Lérez por unha empresa de mensaxería.

En todas as caixas dos dous palés de material recibido figuraba unha lenda coas bandeiras española e chinesa, xunto co texto "esperamos que estas pezas e máscaras protectoras axuden á súa rexión na grave situación da COVID-19 neste momento. O amigo debe ser como o sangue, que acode logo á ferida sen esperar a que a chamen".

A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, xunto coa técnica do Revitaliza, María Martínez Abraldes, foron os encargados de recepcionar o envío, que pasará a ser xestionado polo departamento de Riscos Laborais da institución provincial. Tanto a presidenta como o vicepresidente manifestaron o seu agradecemento máximo pola preocupación e o esforzo por colaborar amosado desde a Vanke Foundation desde o momento no que a pandemia chegou a Pontevedra, así como o afectuoso escrito das caixas.

O vicepresidente, Mosquera, explicou que o contacto entre China e Pontevedra foi continuo –case diario e moi afectuoso– desde o primeiro correo electrónico remitido pola secretaria xeral da entidade, Yimei Chen, o pasado 17 de marzo, pouco despois de declararse o estado de alarma. Entón, Chen escribía no seu correo: "Sentimos para ouvir que a COVID-19 está golpeando España agora tamén. A nosa visita a Pontevedra estivo chea de memorias marabillosas. Esperamos que vostedes, as súas familias e a súa comunidade estean seguras e sans. En nome da Vanke Fundación e os seus delegados, gustaríanos facerlles chegar que vostedes están nos nosos pensamentos e oracións. As consideracións máis amábeis".

A raíz desa misiva inicial xurdiu o ofrecemento de material de protección como mostra do bo entendemento e da relación cordial entre a institución provincial e a fundación, que finalmente se puido materializar logo de diversas dificultades coas autorizacións e o envío.

A Vanke Foundation enviara a Pontevedra no mes de outubro á súa secretaria xeral, Yimei Chen, así como o outro persoal técnico, xunto a representantes oficiais do goberno chinés, unha representante da Universidade de Nanjing, tres de ONG, unha dunha empresa privada, e dúas de consultoras freelance. Todas elas participaban nunha xira por Europa para estudar os modelos máis punteiros do vello continente en canto a xestión local descentralizada mediante tratamentos biolóxicos e tamén sobre recollidas selectivas de biorresiduos en orixe. A parte relativa aos tratamentos locais descentralizados tivo o estudo do Revitaliza da Deputación de Pontevedra como eixe central.

Logo de coñecer o modelo pontevedrés de compostaxe, a propia Chen afirmaba que "cando volvamos á China teremos que adaptar o que temos aprendido aquí ás nosas propias circunstancias e contexto. Agardamos ver polo menos a parte dos que estades aquí algún día alí para que comprobedes como estamos a facer".